MOCIDADE

Esther Taboada fotografía en "Invisíbeis" a cara máis incómoda de Barcelona

19/01/2008 O Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16) acollerá ata o 29 de febreiro a exposición Invisíbeis, da fotógrafa e xornalista Esther Taboada. Inaugurada polo concelleiro de Mocidade, Xosé Baqueiro, o venres 18, a mostra recibiu tamén a visita do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Esther Taboada naceu en Santiago no 1979. Estudou Xornalismo en Santiago e completou a súa formación como fotoxornalista na Universidade de Tampere (Finlandia). Despois de vivir en Irlanda dous anos, nos que seguiu temas como o conflito de Irlanda do Norte ou a historia deste país a través da arqueoloxía, marcha a Cataluña para cursar a Diplomatura de Posgrao de Fotoxornalismo e o Máster en Imaxe Dixital na Universidade Autónoma de Barcelona.

Ten publicado traballos en xornais e revistas como La Vanguardia, El Mercurio, El Hispano, Pueblos ou Animal. Actualmente traballa en Barcelona para unha revista de interiorismo de ámbito nacional e como corresponsal de La Voz de Galicia (redacción e fotografía).

Como afirma a propia autora da súa exposición: "Invisíbeis é o proxecto xurdido da inquedanza de capturar a quimera de homes e mulleres que levan unha cruz marcada no rostro, os universos paralelos e os espazos esquecidos. De abrir cun clic o telón pechado ás diferenzas que brotan húmidas nas grandes cidades".

Documentos relacionados



Compartir: