TRANSPORTES

Os aparcadoiros de Xoán XXIII e Belvís lanzan a tarxeta "aparcafácil"

14/01/2008 O concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, fixo balance dos resultados dos aparcadoiros xestionados por Tussa en 2007 e anunciou as novidades para o ano 2008. Entre estas destaca a implantación dunha tarxeta "aparcafácil", que permitirá aos usuarios adquirir horas e minutos de estacionamento cun 10% de balde, tanto no aparcadoiro de Xoán XXIII como no de Belvís.

As cifras de ocupación dos dous aparcadoiros estivo marcada en 2007 pola aplicación, con cinco meses de antelación á obriga legal, da tarificación por minuto. En total, pasaron por Xoán XXIII e por Belvís, 181.539 vehículos, dos que 128.352 corresponderon ao primeiro e 53.539 ao segundo.

Polo aparcadoiro de Xoán XXIII pasaron 9.614 vehículos máis que en 2006. Cómpre salientar que o usuario tipo deste estacionamento está cambiando. Deixou de ser un aparcadoiro meramente turístico a un aparcadoiro de referencia na zona norte do casco histórico da cidade. Malia todo, xullo e agosto seguen a ser os meses de maior ocupación por ese perfil turístico.

A principal novidade para 2008 vén da man da tarxeta "aparcafácil", que se implantará no primeiro trimestre. Permitirá adquirir horas e minutos de estacionamento, cun 10% de agasallo. Así, por cada 60 minutos mercados engadiranse seis minutos gratis. Ademais, instalarase un lector de matrículas na saídas, que permitirá eliminar o uso da tarxeta para os abonados e usuarios de bonos.

Neste último capítulo, o dos bonos, tamén hai cambios, coa creación de dúas novas modalidades: diúrno e nocturno. O diúrno dará dereito a aparcar de luns a venres laborables dende as 8:00 ás 22:00 horas. O nocturno permitirá estacionar entre as 19:00 e as 08:00 horas, de luns a venres, e tamén os sábados, domingos e festivos durante as 24 horas.

O prezo do bono diúrno será de 47 euros e o do nocturno de 35 euros. O de 24 horas, xa existente, custará 55 euros. En canto ás tarifas de rotación, a modo indicativo, unha hora custa 1,12 euros e dúas horas 2,24 euros. Na actualidade, o aparcadoiro conta con 201 abonados e 69 bonos. As prazas totais son 492.

Belvís
O aparcadoiro de Belvís rexistrou o paso de 53.187 vehículos. Tamén neste se aplicará a tarxeta "aparcafácil" e modificarase o bono nocturno xa existente para pasalo do horario actual de 22: a 08:00 horas ao novo de 19:00 a 8:00 horas, incluíndo as 24 horas de sábados, domingos e festivos.

Os prezos dos bonos son os seguintes: diúrno, 47 euros; nocturno, 30 euros; 24 horas, 60 euros; mañá, 35, 50 euros; e tarde, 35,50 euros. A tarifa de rotación por unha hora é de 0,82 euros e a de dúas horas, 1,51 euros.

Gratis para os pais de alumnos
Por outra parte, Nieves anunciou que tanto el como a como a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, están a falar cos responsables do colexio López Ferreiro, a fin de habilitar un horario e unhas condicións para que os pais poidan aparcar gratis no estacionamento de Xoan XXIII no momento de recoller aos alumnos. Unha medida semellante adoptarase en Belvís para os colexios San Francisco Javier, Compañía de María e Dona Emma.

Dársena de Xoán XXIII
En canto á dársena de autocares de Xoán XXIII, obsérvase un comportamento distinto a outros anos. Así, durante os meses de abril a agosto, períodos de abundante turismo na cidade, rexistrouse un descenso no número de autocares, a excepción de xuño. Por contra, cada vez chegan máis autocares á cidade nos meses de outubro e novembro.

En total, pasaron pola dársena 10.239 vehículos. Cómpre lembrar que se lles cobra unha tarifa de 13,50 euros por día, cun número ilimitado de paradas. Iso si, o estacionamento continuado non pode pasar dos 15 minutos.

Para 2008 está previsto reforzar a sinalización ao longo da cidade, para favorecer a chegada a esta instalación, e a posta en marcha de campañas de promoción entre os touroperadores e as empresas de transporte.

Compartir: