CULTURA

Compostela renova o seu compromiso coa danza con seis novos espectáculos

09/01/2008 Despois do éxito da primeira edición, o certame SCQ Danza repite convocatoria. Faino con dous espectáculos máis que en 2006 e abrindo as súas portas tamén ás coreografías portuguesas. Desenvolverase no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia.

Recoller as distintas maneiras de ver a danza e impulsar este arte é o obxectivo de SCQ Danza, en palabras do concelleiro de Cultura, Néstor Rego. Desta mesma opinión é a directora do Centro Coreográfico Galego, Natalia Balseiro, quen destaca o "momento doce que vive este sector en Galicia", e de aí a importancia deste certame para normalizalo.

A edición 2008 de SCQ Danza ábrese o venres 11 e o sábado 12 de xaneiro coa compañía Inquedanza-Entre mans, que trae o seu espectáculo En la cuenca de tus ojos. A continuación, xa en febreiro, estará no escenario Music-Walk, que representará, con música en directo, Four Walls (Encontrando a Cage).

A terceira entrega do certame corresponderá ao Centro Coreográfico Galego, co espectáculo Kiosco das almas perdidas, un híbrido de danza, teatro, música en directo, ilusionismo, vídeo e animación". Será en marzo, porque en maio tocaralle a unha compañía madrileña, a de Teresa Nieto, quen interpretará Ni palante ni patrás (No hay manera, oiga…).

As dúas últimas actuacións permitirán descubrir a danza que se fai en Portugal. En setembro chegará ao Principal a Fábrica de Movimentos e Camélia-Proyectos Coreográficos, para amosarlle ao público ata tres coreografías: Registro, Ausencia (Memoria descritiva) e As árvores ligam os passaros à terra. E para rematar o SCQ Danza de 2008, en decembro, a Compañía Paulo Ribeiro representará Femenine.

Documentos relacionados



Compartir: