ALCALDÍA

O alcalde propón un pacto polo civismo

04/01/2008 O Concello convidará a representantes de diferentes ámbitos e sectores da cidade a formar parte dun Foro polo Civismo, segundo anunciou o alcalde. O obxectivo é que este foro sexa o voceiro das propostas municipais que se formulen para atallar as consecuencias derivadas do botellón.

A proposta do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, o Concello de Santiago convida a representantes de diferentes ámbitos e sectores da cidade a formar parte dun Foro polo Civismo. O foro será o voceiro das propostas municipais que se formulen para atallar as consecuencias derivadas do botellón.

Formarán parte deste foro representantes do ámbito da cultura, a educación, a sanidade e a xustiza. Tamén estarán presentes os hostaleiros, os veciños, a mocidade e os medios de comunicación. A súa constitución –indicou Sánchez Bugallo- está prevista para finais de xaneiro ou principios de febreiro.

O Goberno municipal tomará nota de foros semellantes desenvolvidos noutras cidades españolas e convidará a representantes das mesmas para que expliquen a súa experiencia e os resultados acadados.

Dende o Concello considérase que, nunha cidade como Santiago, tan visitada e cunha oferta de actividades tan rica, o reto de manter un espazo público acolledor, amable e agradable non é fácil. Por este motivo, a mellora dos hábitos de civismo ten que ser un dos eixes prioritarios da política municipal. O Foro polo Civismo, baseado na sensibilización e a participación cidadá, terá como misión buscar e crear instrumentos que permitan diagnosticar o estado da convivencia no espazo público, planificar actuacións de mellora e avaliar o impacto.

Xunto a esta vertente máis pedagóxica, o Concello de Santiago seguirá a aplicar a ordenanza aprobada para garantir a convivencia, cun incremento nos servizos de vixilancia e mantemento do espazo público.

Con todo, estímase que, por moito que se incrementen, non resultarán eficaces sen a implicación da cidadanía. Por este motivo, o Concello quere insistir no mecanismo da participación para facer factible un cambio nas pautas culturais que rompa coa idea individualista de "son libre, fago o que me peta" e incorpore unha lóxica máis comunitaria de "comparto un espazo que é de todos e debo respectalo". O Foro polo Civismo pretende ir aínda un pouco máis alá nesta reflexión, fortalecendo o compromiso de todos os cidadáns e cidadás coa achega colectiva e propiciando a participación.

Documentos relacionados



Compartir: