CULTURA

Opereta vienesa e parisina na terceira entrega do VII Festival de Zarzuela

02/01/2008 Tras o éxito artístico e de público dos dous primeiros concertos, o VII Festival de Zarzuela de Santiago entra no seu tramo final con dous novos concertos. O mércores 3 de xaneiro celébrase, no Teatro Principal, o terceiro concerto deste ciclo que patrocina a Fundación Caixa Galicia e organizan a Concellaría de Cultura e a Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza.

Se ben cada ano o Festival de Zarzuela aborda, xunto a este xénero que da nome ao ciclo, outras manifestacións musicais irmandadas en maior ou menor medida coa zarzuela, este ano o peso destes xéneros na programación medra. Así, nos dous últimos concertos a zarzuela deixa paso á opereta e ao musical.

A protagonista deste terceiro recital será a mezzosoprano vienesa Alexandra Rivas. Formada na súa cidade natal, esta artista con grande experiencia no repertorio operístico e de fermosa voz atesoura unha gran musicalidade e versatilidade interpretativa, que nesta ocasión pon ao servizo dun dos xéneros máis típicos e coñecidos da súa terra, a opereta. Neste recital en Santiago, onde regresa sete anos despois do seu debut na nosa cidade, Alexandra Rivas cantará arias e romanzas de operetas vienesa e francesa.

A opereta vienesa estará representada por autores imprescindibles como Franz Léhar ou Robert Stolz e por outros nomes menos coñecidos coma como Emmerich Kálmán, Nico Dostal e Oscar Straus. Rivas achegara a opereta francesa ou parisina ao través do xenio dun dos pais do xénero Jacques Offenbach (do que se escoitarán varios números dunha das súas operetas máis célebres, "La Périchole") e dun compositor cubano que, tras o seu paso por Madrid deixando mostra do seu talento na zarzuela, destacou en París polas súas operetas compostas baixo o seudónimo de Moïses Simons.

Alexandra Rivas estará acompañada por Kristin Okerlund, pianista que dende hai quince anos é profesora do Conservatorio de Viena e repertorista da prestixiosa Ópera desta cidade, e que nos seus recitais por todo o mundo acompañou a famosos cantantes como Walter Berry, Samuel Ramey, Johan Botha, Nancy Gustafson, Andrea Rost, Angelika Kirchschlager, Ildiko Raimondi, Carlos Álvarez, Neil Shicoff, Giuseppe Sabbatini, Bo Skovhus e Edita Gruberova.

O VII Festival de Zarzuela de Santiago clausurase o venres 4 de xaneiro cun programa especial dedicado ao musical americano protagonizado por dous cantantes: a soprano Isabel Monar e o barítono José Antonio López.

Compartir: