ALCALDÍA

O alcalde prega ao Apóstolo polo éxito do Xacobeo 2010

30/12/2007 O alcalde compostelán, como Delegado Rexio na tradicional Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago para conmemorar a translación dos seus restos, invocou ao Santo sobre algúns temas de actualidade, coma terrorismo, a violencia de xénero ou o vindeiro Xacobeo 2010.

No acto litúrxico celebrado na Catedral, Xosé A. Sánchez Bugallo lamentou a ausencia das vidas das vítimas da violencia machista e dos accidentes viarios. Lembrou tamén a morte dos inmigrantes Alonso Palate e Diego Armando Estacio e dos gardas civís Raúl Centeno e Fernando Trapero, asasinados por ETA este ano. Pediu un esforzo para lograr "unha cultura da unidade para que o próximo ano poidamos saudar un punto definitivo desa tremenda lacra".

Contra a violencia de xénero, demandou "máis empeño na educación para a convivencia, máis decisión na educación por unha igualdade real, máis efectividade na prevención e tutela dos menores e das mulleres maltratadas ou en situación de risco, máis medios para as forzas de seguridade, máis dilixencia para a xustiza e máis apoio para as vítimas". E en referencia aos accidentes de tráfico, o alcalde pediu "axuda para non caer na indiferencia que a frialdade e anonimato dos números provoca" e para conseguir "unha maior e mellor educación viaria, máis respecto, prudencia e solidaridade á hora de desprazarnos",

Bugallo sinalou tamén que "nos temos convertido en terra de acollida e debemos ser solidarios con cantos chaman á nosa porta desexando participar do noso crecemento económico, buscando ese futuro mellor que as súas terras de orixe non lles garanten".

O ofrerente pregou porque "o Xacobeo 2010 obteña os mesmos éxitos que os celebrados no pasado", polo que "non regatearemos en esforzos nin recursos" e se poida establecer "a comunicación entre culturas, ideoloxías e crenzas, sempre guiados polas luces da concordia e da tolerancia".

Tradición
A cerimonia da translación celébrase anualmente o 30 de decembro en recordo do lexendario traslado dos restos do Apóstolo Santiago dende o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón). Segundo a tradición a Raíña Lupa, soberana das terras, enviou tropas en persecución da comitiva apostólica que foi salvada por un milagre que afogou ós perseguidores nas augas do río Tambre.

A Raíña Lupa quedou tan abraiada por este feito que ofreceu a súa axuda ós discípulos para que puideran soterrar os restos do Apóstolo, que son trasladados nun carro tirado por bois que ao azar buscan o lugar para o repouso do fillo de Zebedeo. Tras deterse (sempre segundo a lenda) na fonte da actual Rúa do Franco, os bois continúan o seu camiño ata quedar inmóbiles no lugar que desde aquela se denomina "Libredón" ("Liberum domum", regalo libre) onde é soterrado e pasa ao esquecemento o Apóstolo ata o seu posterior descubrimento no ano 813 por un eremita.

O rei Alfonso VI realizou no ano 1109 a primeira ofrenda da Translación, entregando unha ducia de talentos de ouro e outra de marcos de prata. En 1642, baixo o reinado de Felipe IV esta cerimonia institucionalizase con carácter definitivo. Desde entón actúa como oferente o Rei ou un delegado rexio.

Documentos relacionados



Compartir: