CONSORCIO

Máis de 212.000 persoas visitaron as dúas exposicións do antigo Banco de España, organizadas polo Consorcio de Santiago

28/12/2007 O próximo luns, 31 de decembro, pecha as súas portas a exposición "Santiago dC". Desde a súa inauguración o pasado 25 de abril, con motivo do XV aniversario da creación do Consorcio de Santiago, máis de 82.000 persoas se achegáron ata esta exposición que reflicte a relación existente entre a memoria da cidade e o seu futuro, a relación entre o pasado e os proxectos que a transformaron e ampliaron.

Na mesma liña foi a mostra precedente de "Intramuros", que serviu para dar a coñecer o mundo interior dos conventos de clausura de Santiago a máis de 130.000 visitantes. En total, máis de 212.000 visitantes descubriron a idoneidade do antigo Banco de España como centro expositivo do que se convertirá en Museo das Peregrinacións e de Santiago, trala firma do protocolo, o pasado xoves, entre o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé S. Bugallo e a subsecretaria do Ministerio de Economía e Facenda, Juana María Lázaro Ruiz.

"Santiago dC" é unha exposición de grande orixinalidade, seguindo a idea e concepto orixinal de Denis Hombre, director de Programas do Consorcio de Santiago, e comisariada por Manuel Blanco. De acordo coa visión dunha cidade suspendida no aire, as fotografías que compoñen a mostra semellan estar suspendidas no espazo, suxeitas dunhas finas barras de aceiro que recrean unha paisaxe sorprendente. Tal é así que o efectismo vangardista desta montaxe foi un atractivo engadido para os visitantes.

Deste xeito, un plano da cidade trazado no chan servíu de guieiro polas rúas do casco histórico, por riba das cales penduraban as fotografías correspondentes a cada unha das rúas. Desta forma resultou doado dirixirxe polos lugares da cidade que aos espectadores e visitantes máis lles interesaba lembrar. Pero "SANTIAGO dC" tamén foi o refrexo da cidade emerxente nestes últimos 15 anos, polo que o visitante puido admirar nun espazo distinto as imaxes de novos barrios como As Cancelas ou San Lázaro, ao tempo que outras actuacións de arquitectos de renome internacional como César Portela, Manuel Gallego Jorreto ou Álvaro Siza, entre outros. Así, a visión destas dúas grandes instalacións expositivas representou as dúas caras de Compostela: a histórica, que convive coa cidade que se está a construir, e a actual, que está a facer da capital de Galicia unha cidade moderna.

Aberta á todos
Co obxecto de ampliar a súa difusión no campo educativo, o Consorcio de Santiago, en colaboración co Concello a través da Concellería de Educación, presentou nos días previos ao Nadal un novo programa de visitas guiadas para escolares e adultos arredor desta mostra. Tratábase dunha iniciativa, que polo propio carácter didáctico da exposición, resultou un éxito non só para os educadores que traballan tanto no ensino formal (desde os centros de educación infantil ata os centros de educación secundaria) senón tamén para adultos e familias. A finalidade non foi outra que contribuir ao coñecemento da cidade e lograr un maior respecto e admiración polo patrimonio urbano.

Deste xeito, o antigo edificio do Banco de España converteuse nun centro educativo e cultural de primeiro orde, auténtico xerme do proxectado Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Compartir: