CONSORCIO

O Consorcio inicia a rehabilitación da Casa do Deán, obra que conta cun orzamento de 600.000 euros

28/12/2007 A "Casa do Deán", un dos edificios máis emblemáticos de Santiago, catalogado como edificación monumental e pazo urbano característico da arquitectura civil e barroca da cidade, vai a ser rehabilitado polo Consorcio de Santiago. Trátase de poñer en valor o patio da Parra e as dependencias anexas e mellorar o espazo de acollida e recepción de peregrinos. Na Casa do Deán xa se atopa a Oficina que expide a "Compostela", documento que certifica que o peregrino fixo o Camiño de Santiago.

Neste sentido, o Consorcio vai executar o Proxecto de Restauración e Rehabilitación do edificio, elaborado pola Oficina Técnica do Consorcio, conforme ao programa de uso facilitado polo Cabildo da Catedral e que comprende o Patio da Parra, espazo interior do conxunto monumental, e as dependencias anexas como son o corpo aterrazado de acceso; a pequena edificación asoportalada do nº 3 da Rúa do Vilar, pequena edificación deseñada xa a escala do caserío circundante da Rúa do Vilar, que se rehabilitará para ser destinada a Oficina de atención aos Peregrinos e entrega de compostelas; as antigas caballerizas, como zona de recepción dos peregrinos; e unha edificación auxiliar como aseos e consigna. Todo cunha superficie útil total de 830 metros cadrados.

As obras constarán de dous niveis de intervención: por un lado, unha intervención lixeira nos espazos ocupados actualmente pola Oficina do Peregrino, consistente nas obras de mantemento e coordinación coa obra que se realice nas dependencias anexas ao patio. Tratarase de pequenos arranxos e traballos de pintura e acondicionamento de despachos. Por outro lado levarase a cabo unha intervención máis intensa e completa no patio da Parra e dependencias anexas para instalar os novos espazos de atención ao Peregrino -a nova Oficina do Peregrino-. O obxectivo último é mellorar a existencia e servizos que se prestan na actualidade aos peregrinos. Deste xeito, as antigas caballerizas do inmoble convertiranse en salón de estancia e espera dos peregrinos, habilitarase un espazo para consigna das súas mochilas e construiranse uns aseos para minusválidos.

O importe total da actuación na "Casa do Deán" estímase en 600.000 euros. O Cabido, en contraprestación, cederá ao Consorcio de Santiago en usufruto un dos locais do edificio na Rúa do Vilar durante 15 anos.

Autoría
Ainda que en ningún documento se recolle a quen corresponde a súa autoría, Folgar de la Calle atribúe a construcción da Casa do Deán ao arquitecto Clemente Fernández Sarela entre 1747 e 1753, argumentando razóns estilísticas. Sen embargo, non hai que descartar a autoría de Fernando de Casas, xa que en 1747 ainda é Mestre Maior da Catedral. A súa implicación directiva na construcción da Casa do Deán demóstrase nun informe seu que regula a compra de madeira. Por outro lado, a linguaxe arquitectónica empleada no edificio comulga máis coa súa maneira de facer que coa de Sarela. Igualmente a implicación de Ulloa nas novas trazas tamén queda fóra de toda dúbida trala afirmación documental de que foi el en persoa quen as explicou o 29 de maio de 1747.

Nesta casa hospedábanse os bispos forasteiros que visitaban a cidade. Posteriormente foi destinada a residencia habitual dos Deáns da Catedral. Actualmente utilízase como Oficina do Peregrino para a entrega da Compostela por parte do cabido catedralicio, acreditación que obtén todo o que faga o Camiño de Santiago.

A colaboración entre o Consorcio de Santiago e o Cabildo para a rehabilitación da Casa do Dean ven de lonxe; Así reparáronse as cubertas do conxunto monumental no ano 1996, ao amparo do Plan Ponte de Rehabilitación que impulsou daquela o Consorcio. Posteriormente a Oficina Técnica do Consorcio redactou o Plan Director no ano 1999. Durante os anos 1997, 1999 e 2001 desenvolveuse en dependencias do edificio a Aula de Rehabilitación do Consorcio de Santiago, onde recibiron formación especializada en rehabilitación máis de 70 arquitectos, xerme do actual Máster de Renovación Urbana e Rehabilitación da Universidade de Santiago de Compostela.

Esta nova actuación do Consorcio en colaboración co Cabido enmárcase no conxunto de iniciativas de recuperación cultural e urbana, levadas a cabo polo organismo interadministrativo no entorno da Praza de Praterías, como son a aquisición do antigo Banco de España e a Casa do Cabido.

Outros datos
• O incendio de 1879: Este ano o edificio sufre un incendio que afecta ao salón da Rúa de Xelmírez e ós do Vilar, perdéndose as xeserías e pinturas barrocas que decoraban ata entón esas estancias.

• A reforma de 1919-1923: Varias facturas localizadas recentemente documentan certas modestas intervencións no inmoble entre 1919 e 1923. A este momento deben de pertencer boa parte dos tabiques e divisións modernas.

•Intervención ano 1996: O Consorcio de Santiago leva a cabo unha intervención parcial no edificio no ano 1996 que inclúe a reparación da cuberta do volume asoportalado e a impermeabilización da cuberta do corpo aterrazado de acceso ó patio da Parra.

•Plan Director 1999: Redactado pola Oficina de Conservación e Rehabilitación do Consorcio de Santiago en virtude do convenio asinado co Cabido da Catedral o 13 de abril deste ano.

•Actividades no edificio: Dentro da Casa habilitáronse catro dependencias en pranta segunda para a sede da Aula de Rehabilitación durante os anos 1997, 1999 e 2001, promovida polo Consorcio de Santiago.

•Convenio ano 2007: En maio deste ano, asínase o convenio de colaboración entre o Cabido e o Consorcio de Santiago coa finalidade de intervir no acondicionamento do edificio para a mellora da recepción e atención dos pereginos.

Compartir: