PROMOCIÓN ECONÓMICA

Seguridade A-1, Kosas de Kasa e Xanana, premiados na edición de Nadal do concurso de Escaparatismo

27/12/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou aos tres premiados na edición de Nadal do IV Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping". En primeiro lugar clasificouse o estabelecemento Seguridade A-1, en segundo lugar quedou a tenda de decoración Kosas de Kasa Interiorismo, e o terceiro premio foi para a xoiaría Xanana. Á edición de nadal do concurso presentáronse 53 estabelecementos comerciais, de sectores tan diversos como téxtil, pel, calzados, complementos, iluminación, decoración, ópticas, xoiarías, alimentación, seguridade e artesanía.

Do estabelecemento gañador, Seguridade A-1, situado na República de Arxentina, número 29, o xurado valorou a dificultade que supón elaborar un escaparate vistoso e atraínte con produtos como os que ofrece este comercio. Seguridade A-1 conseguiu presentar ese escaparate chamativo polo que o xurado decidiu nomealo gañador desta edición.

Do segundo premio, que acadou a tenda Kosas de Kasa Interiorismo, ubicada na rúa Doctor Teixeiro, número 30, baixo, o xurado destacou a exquisitez do seu escaparate onde cada elemento estaba situado no sitio exacto así como o coidado dos máis mínimos detalles.

O xurado acordou conceder o terceiro premio á xoiaría Xanana, situada na rúa Doctor Teixeiro, número 25. Na súa decisión o xurado destaca a boa distribución que fai do espazo e a colocación dos productos no mesmo. O resultado é un escaparate que atrae, chama a atención e non satura a vista, ao colocar poucos elementos pero moi ben situados.

O xurado está formado por representantes das entidades que colaboran no certame: Concellaría de Promoción Económica e Comercio, Asociación de Consumidores Galegos, Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Agrupación de Comerciantes de Santiago ACOTES, Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, Centro Comercial Aberto Santiago Centro, El Correo Gallego e un experto en interiorismo e decoración. Na elección dos gañadores valorouse especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos estabelecementos, así como a implicación nos escaparates dos elementos propios desta época.

Os premios dos gañadores do Concurso de Escaparatismo nas súas diferentes edicións consisten en investimentos en promocións publicitarias e nun trofeo, a maiores, para o gañador anual. A publicidade, a nivel local, inclue campañas en televisión, en prensa e en radio, segundo a clasificación.

O IV Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping", promovido pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio, conta con catro edicións anuais, que coinciden coas catro grandes tempadas comerciais: primavera, verán, outono e Nadal. Os seus obxectivos son contribuir á dinamización das actividades comerciais, e servir de incentivo da capacidade creativa, emprendedora e imaxinativa dos estabelecementos composteláns.

O concurso está dirixido a todos os locais comerciais da cidade, primando tanto o escaparate como o interior do comercio. A principios do 2008 nomearase un gañador final entre os estabelecementos que tivesen unha maior continuidade na súa imaxe ao longo do certame. Na edición do 2007 o gañador final foi a tenda de decoración Andrómenas.

O IV Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shoping" enmárcase nas accións que leva a cabo a Concellaría, recollidas no Plan de Excelencia Comercial, na liña de Plan de dinamización e promoción económica. O obxectivo do certame é dinamizar o sector baixo a marca Compostela capital de Compras, para que logre a posición que lle corresponde no Concello de Santiago polo seu peso económico e social e, ao mesmo, tempo, convertilo nunha referencia de calidade para os composteláns e para os potenciais clientes da Área de Compostela e da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal.

Compartir: