MEDIO AMBIENTE

O Concello potencia a recuperación e posta en valor dos ríos de Compostela

26/12/2007 A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, e o presidente de "Augas de Galicia" Jorge Antonio Santiso Blanco presentaron o resultado dos traballos de limpeza desenvolvidos no río Sarela e no río Sar. Xuntos visitaron a zona do Muiño do Lermo, no río Sarela, para mostrar como ten ficado a ribeira do río despois desta actuación.

Estas accións de recuperación, realizadas nas últimas semanas, de ribeiras e leitos fluviais foron solicitadas por Elvira Cienfuegos, concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel en Santiago, e efectivizadas por "Augas de Galicia".

No río Sarela os traballos foron realizados desde a Ponte do Romaño ate a Ponte de Santa Isabel. No caso do río Sar a actuación centrouse no tramo entre a Ponte do Viso e a Pontepedriña, ademais de intervencións puntuais noutras zonas. En ambas áreas foron limpadas e desbrozadas as ribeiras e foron retirados obstáculos (troncos, polas,...) dos seus leitos para facilitar a circulación da auga.

Un obxectivo fundamental para a Concellaría de Medio Ambiente é aumentar o contacto cidadán cos ríos e que se pense neles como arterias de vida e fonte de recursos. Desta volta conseguiuse unha mellora na transitabilidade das ribeiras do Sarela e do Sar que, agora, serán máis asequíbeis para a veciñanza compostelá. Estas accións aínda van ser completadas coa habilitación de paseos de bordo e áreas de lecer, así como a conservación ou recuperación de patrimonio construído e a instalación de paneis informativos.

Ríos accesíbeis e con vida
En palabras de Elvira Cienfuegos "os ríos de Compostela sempre tiveron moita vida" e concretamente o río Sarela "está repleto de antigos muíños, curtidorías e lavadoiros que mostran claramente esta estreita relación coa cidade". Cienfuegos lembrou tamén que "desde Medio Ambiente de Santiago queremos incentivar a lembranza destes vellos usos, non só promovendo a mellora na accesibilidade aos ríos senón tamén coa conservación de elementos patrimoniais e coa instalación de cartelaría informativa".

Todos as accións desenvolvidas teñen como firme obxectivo procurar a conservación do medio ambiente e a procura dun desenvolvemento sustentábel para Santiago. Nesta liña de actuación é onde se encadra a conservación e posta en valor dos ríos da cidade, incidindo na mellora da calidade das súas augas e na restauración dos seus leitos e bosques de ribeira.

Compartir: