PLENO

O primeiro ano de aplicación da Ordenanza de Convivencia e Limpeza xerou 400 multas

21/12/2007 Raxoi acolleu un pleno monográfico sobre o fenómeno do botellón, nunha convocatoria extraordinaria solicitada polo Partido Popular. A sesión concluíu cunha votación na que se rexeitou a creación dunha comisión municipal especial para tratar este tema.

O Goberno local, a través das representantes dos grupos municipais socialista e nacionalista, Marta Álvarez-Santullano e Elvira Cienfuegos, respondeu ás palabras do voceiro popular, Gerardo Conde Roa. Neste sentido, defenderon a política municipal neste tema, materializada a través da aplicación da Ordenanza de Convivencia, Residuos e Limpeza Viaria e de diversos programas educativos e de prevención.

Fronte ás acusacións de "pasividade" e "tolerancia" do PP, Marta Álvarez-Santullano recordou as 400 multas que se impuxeron no ano de vixencia da Ordenanza de Convivencia e Limpeza, e que Santiago é "a única das sete grandes cidades de Galicia na que o botellón non se realiza nas rúas e prazas da cidade nas que viven os cidadáns".
"Santiago é a única cidade de Galicia que recolle cuestións de comportamento cívico nunha ordenanza", engadiu. Estas son cuestións que indican, na súa opinión, que "traballamos por minorar os efectos do botellón".

En calquera caso, e tras lembrar que o botellón é un fenómeno que transcende ao consumo de alcohol, reclamou a este respecto a implicación doutras Administracións para buscar "a solución a este conflito social". Ademais, demandou a implicación de pais, de educadores e de toda a sociedade nesta cuestión.

No aspecto educativo insistiu especialmente Elvira Cienfuegos, ao apostar por medidas educativas, de formación en valores e de percepción do risco. Segundo sinalou, o Concello ten a convicción de seguir intensificando medidas e ensaiando outras cara a lograr a compatibilidade de ocio e descanso e o respecto ao medio ambiente ou ao mobiliario urbano. Tamén ela insistiu na "oportunidade que temos para facer un gran pacto entre Administracións, pais e educadores" e para que Galicia conte con normativas en materia de convivencia.

Minuto de silencio
Antes de comezar o debate, o Pleno gardou un minuto de silencio en memoria do ex concelleiro Luis Marcos Beltrán, falecido o xoves 20 en Ponteverda.

Compartir: