ALCALDÍA

A segunda fase do colector xeral e o paso inferior do Hórreo: en marcha dous proxectos claves para a cidade

21/12/2007 O alcalde compostelán valorou a saída a concurso da segunda fase do colector xeral entre Pontepedriña e a Silvouta, e a inminente saída a licitación do paso inferior do Hórreo. Deste xeito, a primeiros de 2008 iniciaranse dous proxectos que Sánchez Bugallo considera claves para a cidade e nos que "todo está encamiñado".

Respecto á segunda fase do colector xeral, o alcalde recordou que xa está en execución a primeira etapa. Esta segunda está en prazo de presentación de plicas e suporá un investimento de 29 millóns de euros. Queda por iniciarse a terceira fase, a nova estación depuradora da Silvouta, cuxa saída a concurso estima Bugallo para o primeiro semestre de 2008.

En total, as tres obras terán un custo duns 100 millóns de euros. O investimento total dependerá da solución tecnolóxica pola que finalmente se opte para a estación, que oscila entre 48 e 65 millóns de euros.

En canto ao paso inferior do Hórreo, o Consello de Ministros do venres 21 de decembro autorizou ao Ministerio de Fomento para licitar esta obra, que será adxudicado en primavera, segundo a previsión do alcalde. Esta obra ten un custo de 30 millóns de euros e un prazo de execución máximo de 18 meses, que poderán minorar as empresas que se presenten ao concurso.

Esta é a terceira obra do convenio asinado en 2005 e que contemplaba cinco infraestruturas viarias da cidade. Posto en marcha o vieiro Sar-Pontepedriña e o cuarto xiro de Cornes, quedarían por poñerse en marcha o terceiro carril do periférico e a duplicación da ponte de acceso ao polígono do tempo, dúas actuacións que xa teñen os proxectos redactados.

Cómpre lembrar que este novo vieiro subterráneo medirá uns 600 metros de longo e terá unha profundidade duns seis metros. Partirá das inmediacións da Residencia Universitaria Teniente General Barroso e desembocará no vieiro Antonio Fraguas. Disporá de dúas zonas de seguridade para evacuación a cada lado. No interior do túnel haberá dúas beirarrúas a cadanseu sentido. En superficie a rúa terá un tratamento de boulevard.

Pleno do día 27
Por outra parte, o alcalde anunciou tamén na súa rolda de prensa dous temas que irán ao Pleno ordinario do xoves 27 de decembro. Trátase do apoio á declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade, atendendo á solicitude do alcalde da Coruña, e o irmandamento coa cidade italiana de Pisa.

Sánchez Bugallo apuntou que este irmandamento quere anticiparse no tempo a petición do arcebispo desta cidade, que cesa por xubilación e que foi un gran impulsor do culto ao Apóstolo e da peregrinación a Compostela. En calquera caso, o Concello ten previsto realizar antes o irmandamento con outra cidade italiana, Asís.

Direcciones relacionadas



Compartir: