URBANISMO

Mercedes Rosón presenta no CGAC unha acción da artista Lara Almarcegui en relación co planeamento urbano

20/12/2007 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, asegurou que as proposta que a artista aragonesa está desenvolvendo en Fontiñas e Bonaval, coincide plenamente coa filosofía de ocupación do solo que defende o Concello de Santiago dende hai máis de vinte anos.

En Fontiñas Lara Almarcegui pretende elaborar unha guía que recupere aspectos descoñecidos ou esquecidos do barrio, como as fontes que lle deron o nome e o carácter rural que aínda se agocha tralos bloques do polígono de vivendas. No exterior do museo, a artista propón eliminar a capa de deseño e perfecta planificación que os arquitectos levaron a cabo no parque para descubrir a capa da cidade que se agocha baixo do empedrado.

Na presentación destas accións, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicou que a preparación destas actuacións "foi unha experiencia extraordinariamente rica que nos revelou que as actuacións que Lara pretendía levar a cabo no barrio das Fontiñas e no parque de Bonaval, estaban en total comuñón coa nosa forma de entender a ocupación e transformación do solo".

A concelleira engadiu que Santiago é unha cidade pensada e interpretada en base a unha planificación do territorio que, ao igual que a proposta de Lara, xurde do compromiso co entramado social. "Concibimos o planeamento urbano como un proxecto cultural que debe ser capaz non so de dar respostas eficaces a necesidades básicas como a vivenda ou as grandes infraestruturas de comunicación, senón tamén de aportar unha visión social para crear comunidade e cohesionala".

Rosón resaltou que é precisamente nesta visión onde o planeamento urbanístico de Santiago conflúe co proxecto de Lara Almarcegui, na necesidade de recuperar a memoria e de rescatar espazo para o cotiá. Neste sentido, asegurou que a cidade segue sendo o mellor amortiguador dos nosos conflitos porque "é na rúa, na praza onde se xera máis cohesión social".

En contraposición a esas cidades disgregadoras que deixan á xente illada tralos mirtos e as vallas das fincas da periferia, a concelleira apostou por propiciar unha cidade encontradiza que nos dea a oportunidade de vernos, e de tropezar, "unha cidade zurcida coa precisión e co cariño de quen borda un enxoval, sabendo que fabrica algo precioso, único, que so se fai unha vez na vida e que ha de quedar para sempre", e engadiu que o Goberno municipal leva 20 anos planificando Compostela como unha cidade intelixente, capaz de conciliar o desenvolvemento urbano, coa natureza e a integración social.

Compartir: