EDUCACIÓN

Os gañadores do Concurso de Carteis de Nadal xa teñen a súa recompensa

20/12/2007 Como cada ano por estas datas, os rapaces e rapazas gañadoras do Concurso de Carteis de Nadal pasaron por Raxoi para recibir os seus premios. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez foron os encargados de entregar os agasallos en forma de xoguetes, consolas ou libros.

O gañador da edición de 2007 foi un alumno do Pío XII de 11 anos, Lucas Barros López, fíxose co primeiro premio e é a imaxe do cartel deste Nadal en Santiago. A segunda clasificada foi Patricia Louzao Rey, de 1º de primaria do Lamas de Abade, e o terceiro premio recaeu no traballo da aula de 2 a 3 anos da Escola Infantil do Hospital Gil Casares. Tamén se concederon tres accesit a: Manuel López Bernárdez, de cuarto de primaria do San Xosé de Cluny; Pablo Villaverde Rodríguez, de tres anos, do CEIP Santiago Apóstolo; e Ainhoa Vázquez Varela, de cinco anos, do CEIP Fontiñas.

Ata 1.100 carteis entraron no proceso final de selección. Entre eles, elixiron os gañadores un xurado formado por seis escolares, tres persoas do Concello e un profesional do deseño. A dotación económica total do premio ascendeu a 960 euros.

Programa de actividades
O debuxo gañador é o protagonista do cartel de Nadal. Os outros premiados e algúns outros ilustran o programa de actividades para estas festas. O mesmo inclúe, entre outros eventos como Nadalxogo (do 27 de decembro ao 4 de xaneiro), o VIII Concurso de Beléns, os obradoiros de Nadal da Escola Infantil de Conxo, Nadal Máxico, a Cabalgata de Reis ou todo o completo calendario de actividades da rede de centros socioculturais da cidade.

Compartir: