EDUCACIÓN

Premio ao traballo social cos minusválidos e co colectivo xitano

19/12/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, fixeron entrega dos Premios Vagalume 2007, que este ano cumpriron a súa décimo quinta edición. Recibiron o seu galardón a Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI) e a traballadora da Fundación Secretariado Xitano Banessa Giménez Giménez.

O xurado concedeu o premio colectivo a COGAMI, por "promover un importante labor na formación, emprego e asesoramento de persoas con discapacidade, así como pola súa rede de voluntariado". Ademais, valorouse "o seu esforzo na integración destas persoas en todos os ámbitos da vida, potenciando as capacidades das persoas cara a conseguir a maior autonomía e independencia posibles".

Pola súa parte, o premio individual recoñece o traballo de Banessa Giménez Giménez, dende principios de 2006, como axente intercultural no Programa Operativo de Loita contra a Discriminación, no seo da Fundación Secretariado Xitano. Desenvolve accións de "acompañamento social e mediación intercultural para a mellora das condicións formativas e laborais de persoas do colectivo xitano".

Na súa intervención, Sánchez Bugallo destacou o labor dos colectivos e das persoas recoñecidas en todas as edicións dos Premios Vagalume "para conseguir unha sociedade máis xusta". No caso de Banessa Giménez, animou ás mulleres da súa comunidade a "seguir a súa estela" para superar a "dobre discriminación que soportan, como mulleres e como xitanas".

Sobre COGAMI, o alcalde salientou o "paso histórico" que supón para o colectivo de discpacitados a psota en marcha de iniciativas empresariais por parte da entidade. Ademais, incidiu en que organizacións como esta contribúen a "un cambio social de maior respecto e comprensión".

O acto de entrega dos premios, celebrado no hotel Araguaney, incluíu a visualización de reportaxes sobre os premiados. Tamén contou a actuación musical de Carmen Dor.

COGAMI sucede no Premio Vagalume á Asociación de Celíacos de Galicia e á Asociación para o Comercio Xusto Panxea, gañadores en 2006. No apartado individual, a última gañadora fora Marián Araújo Muíños.

Compartir: