CULTURA

O VII Festival de Zarzuela consolídase como divulgador de músicas populares

18/12/2007 Compostela tampouco faltará este Nadal á súa cita coas músicas populares no VII Festival de Zarzuela. Será os días 27 e 28 de decembro, e o 3 e 4 de xaneiro, nunha edición que este ano trae, ademais de zarzuela, opereta e musical americano.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego presentou un festival que, segundo dixo, transcende da propia zarzuela para "favorecer un panorama de músicos populares". Nesa dimensión coincidiu Ana Salgado, da Fundación Caixa Galicia, que destacou o compoñente didáctico do evento cara a "educar a cultura musical".

De presentar o programa encargouse o presidente da Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza, José Víctor Carou, quen salientou a calidade dos artistas que participan nesta nova edición dun festival xa consolidado. Mentres os dous primeiros concertos centraranse na zarzuela, o terceiro terá como protagonista ás operetas vienesa e parisina, e o terceiro ao musical americano, un xénero este que repite tralo éxito de anteriores anos.

O xoves 27, Riccardo Bini acompañará ao piano á soprano Sabina Puértolas nun programa denominado "Zarzuela e canción", con obras de compositores como Granados, Falla, Chapí e Sorozábal. Ao día seguinte, máis zarzuela con "A familia García". A mezzosoprano Marta Infante interpretará diversas pezas coa compañía ao piano de Rubén Fernández Aguirre.

Xa en xaneiro, o día 3, vez para a opereta vienesa e francesa. Obras de Strauss ou Offenbach, entre outros, na voz da mezzosoprano Alexandra Ribas e nas notas ao piano de Kristin Okerlund. E para rematar o Festival, nova volta ao musical americano. A soprano Isabel Monar, o barítono José Antonio López, o pianista Vicente David Martín e o contrabaixista Lucho Aguilar serán os protagonistas. Obras de Weill, Bernstein, Porter ou Gershwin.

Os concertos celebraranse todos no Teatro Principal, ás 21:00 horas. O prezo das entradas soltas é de 6 euros e o do abono para os catro concertos de 15 euros.

Documentos relacionados



Compartir: