NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Un Nadal en galego

18/12/2007 "Carta aos Reis Magos" e "Para vivir un Nadal en galego" son os títulos de dúas novas campañas que vén de por en marcha a Concellaría de Normalización Lingüística. O seu obxectivo, promover o emprego do galego entre os nenos e entre os comerciantes, respectivamente.

A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, e a técnica do departamento Marta Besada presentaron estas campañas. A primeira, "Carta aos Reis Magos" achega aos centros escolares un modelo de carta en galego aos Reis Magos, así como o material didáctico para realizala.

Por unha parte, os mestres recibirán unha proposta de actividades para traballar a carta dende unha perspectiva lúdica, divertida e educativa. Así, realizaranse actividades como escribir a carta, adornala, escribir un poema, facer unha carta entre toda a aula ou responder a unha enquisa. Doutra parte, os rapaces recibirán unha unidade didáctica para facer os exercicios relacionados co tema e, por suposto, o modelo de carta.

"Para vivir un Nadal en galego" diríxese aos comerciantes da cidade co fin de facelos partícipes da extensión da nosa lingua no ámbito de traballo. Con este obxectivo repartiranse 8.000 etiquetas decorativas para adherir aos paquetes de agasallo. "Parabéns", "Cos meus mellores desexos", "Un bico forte" ou "De alguén que te quere" son algúns dos lemas dos adhesivos.

Documentos relacionados



Compartir: