FESTAS

As Festas do Apóstolo traerán a Anthony and the Johnsons, Bebe e Amaral

06/07/2005 A programación completa das festas, que se celebrarán do 16 ao 31 de xullo, coñecerase o xoves 8 de xullo de mans do concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro.

Santiago de Compostela celebrará do 16 ao 31 de xullo as Festas do Apóstolo 2005, nas que, entre outros artistas, actuarán os estadounidenses Anthony and the Johnsons, a extremeña Bebe e Amaral. Todos estes concertos celebraranse ao aire libre na Praza da Quintana e comezarán arredor das 23 horas.

Anthony, de quen contan que, coa súa exquisita voz -comparada á de Nina Simone-, fixo chorar a Lou Reed, presentará o seu disco "I´m a bird now" na Praza da Quintana o vindeiro 21 de xullo. O artista de aspecto andróxino que comezou a súa carreira musical no mundo do cabaret de New York, está a recibir grandes eloxios polas súas actuacións, entre outras, a do Festival Primavera Sound 2005 de Barcelona.

Por outra banda, Bebe, que virá acompañada do Tío Calambres, El Combolinga e Dj. Fonkyomar na súa xira "Caravana Gitana", estará en Compostela o 26 de xullo. O seu disco "Pafuera Telarañas" foi declarado álbum de pop do ano 2004 pola Academia da Música e ‘Malo’ o mellor vídeo, e ela autora e artista revelación. Amaral, traerá a Santiago o día 29 de xullo a xira "Pájaros en la cabeza", título do seu último disco, que durante varias semanas copou os primeiros números das listas de vendas en España.

As Festas do Apóstolo, declaradas de Interese Turístico Nacional, inclúen na noite do 24 de xullo os tradicionais fogos artificiais e a queima da fachada gótica da Catedral, na praza do Obradoiro.

Compartir: