ALCALDÍA

O alcalde viaxa a Rennes para presidir o Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico

15/12/2007 A sesión do Buró Executivo dará comezo o luns 17 ás nove da mañá. Entre os principais obxectivos da xornada está o debate das perspectivas de futuro das cidades atlánticas dentro do marco europeo. Falarase tamén de implementar a axenda territorial da CCAA en base á Carta de Leipzig e á axenda territorial da UE. Neste sentido haberá que determinar como se van canalizar as axudas para o período 2007-2013 lanzadas por Europa, en concreto os programas INTERREG 4 C, que foi lanzado en setembro en Lisboa e o INTERREG 4B ATLANTIC, que se presentou o venres en Porto e que afecta precisamente aos territorios atlánticos.

A sesión central do Buró dedicarase a facer un balance das actividades dos diferentes grupos de traballo da CCAA (Cultura e Patrimonio, Transporte e Accesibilidade, Desenvolvemento Económico e Desenvolvemento Urbano) que presentarán o estado actual dos seus proxectos.

Dentro da comisión de Desenvolvemento económico, Santiago vai liderar un proxecto sobre cidades intelixentes, que consistirá en adecuar e desenvolver experiencias pilotos sobre a base dun estudio de caso aplicado á Rede de Cidades do Arco Atlántico en función do modelo de Territorios Intelixentes.

Este modelo está baseado na idea de que si as cidades situadas nas rexións colindantes traballan en común poden crear unha nova forma urbana, que incremente as súas oportunidades económicas e a competencia global para cada unha das súas cidades individualmente e para o país como un todo. Este programa ten como obxectivos promover as relaciones entre as áreas metropolitanas; apoiar a sustentabilidade; fomentar mellores economías; e alentar a través da cooperación medidas de aforro de custes. Estes obxectivos poden alcanzarse a través de esforzos combinados a través de concertos comúns nas áreas do transporte, desenvolvemento económico, protección do medio ambiente e equidistribución. Os territorios intelixentes serán instrumentos útiles para facilitar o crecemento económico e a creación de emprego nos arredores ou áreas de influencia de cada cidade.

Neste sentido, trátase de reivindicar a autoestima no modelo urbano das cidades medias, que representan os dous terzos da poboación urbana mundial, e que presentan toda unha serie de características positivas: relación co medio natural, escala humana, proximidade aos servizos, inferiores niveis de tráfico, stress e conflictividade social, etc.

Deste xeito, o programa que liderará Santiago defende a idea de apostar pola "calidade dos lugares" -que en cidades de tipo medio como Santiago é tan evidente- e promocionar o perfil intelixente de cada cidade, potenciando os sinais de identidade nun mundo cada vez máis estandarizado, e facéndoo en colaboración cos territorios circundantes.

O programa propón xerar en torno a Santiago unha "Cultura Metropolitana" de Cooperación e Complementariedade, asumindo a necesidade e as vantaxes da colaboración interinstitucional, para evitar que o futuro da cidade e o seu entorno metropolitano, sexa a mera suma de planeamentos municipais inconexos e intereses privados.

Compartir: