DEPORTES

A Fundación Compostela Deporte repartiu axudas por 100.000 euros a 75 clubs federados

14/12/2007 O Hotel Puerta del Camino acolleu a III Gala do Deporte Compostelán, na que se homenaxeou á Venatoria polo seu 75 aniversario e ao ex atleta e plusmarquista Ángel Calle. Previamente, Fundación Compostela Deporte repartiu as Axudas 2007 entre 75 clubs federados composteláns, que recibirán un total de 100.000 euros. Igualmente abonou o primeiro prazo do Plan Deporte e Vida "PIDEVI" ás 58 entidades deportivas da cidade adscritas ao programa por un total de 23.200 euros (400 euros para cada unha).

O alcalde compostelán e presidente da Fundación, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu estes actos, na compañía do vicepresidente e concelleiro de Deportes, Andrés Fariña. Primeiro entregáronse as axudas que, por terceiro ano consecutivo teñen como finalidade contribuír á mellora da xestión das entidades deportivas mediante o outorgamento de axudas económicas destinadas a mutualidades deportivas, á compra de material deportivo e informático e aos gastos en desprazamentos a competicións oficiais.

Entre estes 75 clubs beneficiarios fomentan o deporte base en 28 modalidades deportivas diferentes: atletismo, automobilismo, baloncesto, boxeo, caza e pesca, ciclismo, defensa persoal, esgrima, fútbol, fútbol sala, golf, hockei sobre patíns, iudo, karate, loitas olímpicas, montañismo, motociclismo, natación, orientación, patinaxe, special olympics, taekwondo, tenis, tenis de mesa, triatlón, voleibol, waterpolo e xadrez.

Por outra banda, aos 58 clubs adscritos ao Plan Deporte e Vida fíxoselles efectivo o primeiro prazo do programa. O PIDEVI é unha iniciativa posta en marcha pola Fundación esta tempada que ten como obxectivo fomentar a educación, a saúde, os bos comportamentos e a non violencia no deporte.

Homenaxe
Ao rematar o acto de entrega das Axudas, comezou a terceira Gala do Deporte Compostelán, na que a Fundación homenaxeou á Sociedade de Caza e Pesca A Venatoria polo seu 75 aniversario e ao ex atleta compostelán Ángel Calle Mañas, plusmarquista na década dos 60.

A Sociedade de Caza e Pesca A Venatoria foi fundada o 14 de marzo de 1932. Participa en competicións de caza organizadas pola Federación Galega de Caza e organiza cinco campionatos de pesca: Salmónidos Lance, Salmónidos Mosca, Ciprínidos "Festa do Escalo", Mar-Costa e Embarcación Fondeada. Ademais, A Venatoria organiza xornadas de pesca e medio ambiente para rapaces, e participa cos nenos e nenas en campionatos oficiais organizados pola Federación de Pesca nas categorías de benxamín, infantil e xuvenil, e noutros de carácter oficioso organizados por outros clubs.

Por outra banda, Ángel Calle foi plusmarquista nacional na década dos 60. Entre os numerosos éxitos do ex atleta compostelán, destacan: a mellor marca de España en categoría Júnior en Madrid en 1963, e nos 100 metros lisos, cunha marca de 10,6. No Campionato Provincial Júnior celebrado na Coruña fixo os 100 m. lisos en 10,9, unha marca que lle supuxo converterse no primeiro atleta galego, nacido en Santiago, que baixou dos 11 segundos.

Un ano máis tarde en Madrid foi mellor marca de España en categoría Absoluta en 200 metros lisos, cunha marca de 21,3 rebaixando en tres décimas a marca nacional anterior que estaba en poder de catro atletas. Este tempo tardou tres anos en ser batido e foi superado cando o ex atleta santiagués xa non estaba en activo. Ángel Calle tamén foi mellor marca de España en categoría Absoluta de 4x100 relevos.

Calle estivo preseleccionado para a proba de 200 metros lisos para os Xogos Olímpicos de Tokio 1964, aos que non acudiu por unha décima de segundo (en tempos de cronometraxe manual) e tamén para os seguintes de México de 1968, aínda que tiña deixado a práctica do atletismo tres anos antes.

No transcurso da Gala tamén se entregou o Citroën C3 doado polo Grupo Noya, patrono da Fundación, ao árbitro da Delegación de Santiago Alberto Zás, gañador do sorteo realizado ante notario o 5 de decembro. Cómpre lembrar que o sorteo do coche é unha iniciativa complementaria ao programa de Axudas, pola que os clubs recadaron este ano 46.954 euros.

Exposición
Os asistentes á Gala do Deporte Compostelán tamén puideron contemplar a II edición da Exposición da Memoria Deportiva Compostelá, na antesala ao Salón Obradoiro que acolleu a cea espectáculo. Na mostra pódense contemplarse imaxes dalgunhas das modalidades deportivas practicadas en Santiago nos primeiros cincuenta anos do século XX, como atletismo, fútbol, ciclismo, boxeo, hockei sobre patíns, balonmán ou baloncesto, estes tres últimos coa Praza da Quintana como escenario habitual da súa práctica.

Tamén se amosa a historia, e nalgúns casos as equipacións deportivas, de clubes como: o Racing de San Lourenzo, a Sociedade Deportiva Compostela Sporting Clube, o Vista Alegre, o Victoria, o San Clemente, o SEU ou La Salle. Tamén se exhiben trofeos da época recuperados para a exposición.

Compartir: