ALCALDÍA

O alcalde afirma que a nova autovía Santiago-Brión "contribuirá a nuclear a comarca"

14/12/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañou á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, nunha visita ás obras da autovía AG-56 entre Santiago e Brión. As obras avanzan a bo ritmo, co obxectivo de que a estrada poida entrar en servizo en febreiro de 2008.

Na súa intervención, Sánchez Bugallo, no seu nome e tamén dos alcaldes de Ames, Brión e Teo, tamén, expresou a súa "satisfacción por ver esta infraestrutura tan avanzada". Ademais, deu as grazas pola "sensibilidade" tida á hora de acometer a obra, "minorando o impacto medioambiental e sobre as construcións existentes". Sobre o futuro, apuntou que esta autovía "contribuirá a nuclear a nosa comarca e mellorar a calidade de vida dos nosos habitantes".

Tamén María José Caride se referiu á importancia desta vía para "mellorar a comunicación non só na comarca, senón igualmente no eixo dende Noia e ata Santiago", como a primeira das actuacións previstas neste eixo. Lembrou que a estrada supuxo un investimento de 108, 8 millóns de euros.

Esta nova infraestrutura viaria permitirá aos cidadáns da comarca de Compostela circular por unha vía de altas prestacións e libre de peaxe que desconxestionrá os tráficos de entrada e saída a Santiago de Compostela a través da AC-543 e da N-550.

No momento da visita estaban totalmente os traballos de estruturas (viadutos, pasos superiores e pasos inferiores), o 98% do movementos de terras e o 85% dos firmes. Entre as actuacións que quedan pendentes está a colocación da capa de rodadura en parte da autovía, completar a sinalización horizontal e os peches, a disposición de pantallas antirruído e barreiras de seguridade e o remate dos ramais de acceso e das vías de servizo entre outros.

O tronco principal da autovía está composto por dúas calzadas separadas de sete metros cada unha (con dous carrís en cada sentido de 3,5 metros), con beiravías exteriores de 2,5 metros e interiores de 1 metro. Pola súa parte, a variante das Galanas dende o enlace de Pardiñas ten características de corredor. A importancia deste corredor, que parte do enlace de Pardiñas, radica en que se configura como un itinerario alternativo que salvará o paso polo núcleo de Milladoiro para os vehículos que accedan a Santiago pola N-550 e desconxestionará a cidade de Compostela dos tráficos procedentes das comarcas de Muros, Noia e Costa da Morte que se dirixan á provincia de Pontevedra. A autovía Santiago-Brión enlazará co futuro corredor Brión-Noia.

Compartir: