ALCALDÍA

O Goberno municipal asigna nome a quince rúas de Santa Marta, Castro de Abaixo e Galeras

17/12/2007 A Xunta de Goberno aprobaou unha relación de 15 nomes cos que denominarán outras tantas rúas en Santa Marta, Castro de Abaixo e Galeras. Son os primeiros nomes da lista de 69 recentemente aprobada polo Pleno Municipal. Destes 15 nomes, 10 son de mulleres.

No ámbito do Casco Histórico, a nova conexión entre Galeras e San Francisco recibirá o nome de Domingo García Sabell. Moi preto, a rúa axardinada paralela ao antigo Hospital Provincial chamarase Felipe Ramón Cordero Carrete. A elección de dous médicos para denominar estas dúas rúas responde precisamente á súa ubicación.

En canto ao Sunp-22 de Castro de Abaixo, nomearanse seis novas rúas. A central denominarase avenida de Montevideo e, as outras cinco restantes: avenida Syra Alonso e rúas Margarita Nelken, Carolina Otero (A Bela Otero), Mariana Pineda e Andrés Dobarro.

Finalmente, o Sup-6 de Santa Marta contará con sete novos nomes. O vieiro central será a avenida da Liberdade. O resto de rúas recibirán as seguintes denominacións: María Mariño, María Casares, Maruja Mallo, As trece rosas, Julia Minguillón e Emilia Pardo Bazán.

Compartir: