MEDIO AMBIENTE

O Consello Municipal de Medio Ambiente aproba un plano de traballo para desenvolver a Axenda 21 Local

13/12/2007 Na primeira reunión do Consello Municipal de Medio Ambiente, presidida pola concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel, Elvira Cienfuegos, aprobouse un plano de traballo que terá como obxectivo fundamental o desenvolvemento da Axenda 21 Local.

O tema central da reunión foi a presentación dunha síntese do diagnóstico da Axenda 21 Local, para que fose coñecido por todos os membros do Consello. Todas as persoas asistentes recibiron a documentación correspondente aos diagnósticos realizados, así como a proposta de liñas estratéxicas a seguir para deseñar o "plano de acción" que permita mellorar as practicas ambientais e camiñar cara un desenvolvemento sustentábel do Concello.

Tamén foi entregado un modelo de ficha para rexistrar propostas de accións e proxectos para desenvolver e integrar no "plano de acción". Ábrese deste xeito un período de reflexión no que todos os membros do Consello poderán realizar as súas contribucións, que se exporán na seguinte reunión, prevista para mediados de febreiro.

Á primeira xuntanza do Consello asistiron máis de 20 persoas representantes de diferentes sectores cidadáns como: asociacións ecoloxistas, grupos de defensa dos animais, asociacións veciñais, asociacións de empresarios, expertos en temas medioambientais, da Universidade, organizacións políticas e sindicais... Cómpre lembrar que este órgano será a principal estrutura orgánica para o contraste de opinións entre os diferentes axentes implicados na sustentabilidade, como o eixo vertebrador da participación cidadá na política municipal.

Estrutura e funcionamento
O Consello Municipal de Medio Ambiente é un órgano colexiado de participación cidadá, asesoramento, consulta, proposta, información, comunicación e debate. Este Consello é un dos que conta con unha representación cidadá máis diversa e numerosa. A procura da transversalidade nas políticas de sustentabilidade implica que sexan moitos os sectores sociais representados neste órgano.

Entre as funcións do Consello destacan o feito de que este foro sexa o canal de participación e diálogo dos interlocutores sociais no desenvolvemento da política ambiental do Concello. Ademais pode propor criterios de actuación na liña do desenvolvemento sustentábel e participar no seguimento da xestión municipal.

O Consello tamén pode informar e ser informado sobre temas específicos do sector e propoñer alternativas concretas aos problemas existentes na área de medio ambiente. Ou mesmo, emitir informes, por iniciativa propia ou do Concello, sobre materias das súa competencia.

Compartir: