ALCALDÍA

A cidade homenaxeou á Cruz Vermella no 110 aniversario da súa presenza en Santiago

13/12/2007 A Asemblea local da Cruz Vermella Española celebra o seu 110 aniversario. Con tal motivo, o Hostal dos Reis Católicos acolleu unha gala na que a cidade quixo recoñecer o labor humanitario desta entidade, en Santiago dende 1897.

Cristian Pfíster, propietario do restaurante Oriental, hoxe Derby, liderou dende o mesmo ao grupo de composteláns que impulsaron a creación da delegación da Cruz Vermella en Santiago. Hoxe a entidade conta con 1.100 socios e 213 voluntarios.

A acción da Cruz Vermella é tamén en Compostela unha referencia no eido solidario. Programas como os de asistencia a persoas maiores, de emprego, de transporte para persoas con mobilidade reducida, de atención a inmigrantes, de menores, o de transeúntes ou o de formación son só unha pequena mostra do seu labor.

Os traballadores e voluntarios da Cruz Vermella de Santiago foron os principais protagonistas dunha gala na que se premiou o labor de moitas destas persoas ao longo dos anos. O Concello compostelán non quixo faltar a esta homenaxe, na que tivo unha intervención o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Tamén asistiron, entre outros, o tenente de alcalde, Néstor Rego, e a concelleira de Benestar Social, Mar Martín.

Compartir: