CONSORCIO

O Festival de Músicas Contemplativas aposta polo diálogo intercultural

13/12/2007 Compostela acollerá na Semana Santa de 2008 a terceira edición do Festival de Músicas Contemplativas, un proxecto deseñado polo Consorcio de Santiago co obxecto de unir arquitectura e música no marco do patrimonio restaurado e rehabilitado polo propio organismo.

O Festival desenvolverase do 18 ao 22 de marzo nas igrexas de San Miguel dos Agros, San Roque, Convento de Santa Clara, San Martiño Pinario, San Domingos de Bonaval, San Fiz de Solovio, Ánimas, San Francisco e San Agustín. En cada unha delas actuarán, respectivamente, Ricercar Consort (Francia), Sos Cantores de Cuglieri (Cerdeña), The English Concert (Inglaterra), Coro do Patriarcado de Moscova (Rusia), Anwar Abudragh &Maqamat Ensemble (Iraq), Sanjay Subrahmanyan (India), Tariqa Qadiría Buchichía (Marrocos), Unicorn / Oni Wytars (Austria), Binchois Consort (Inglaterra) e Ensemble Dialogos (Croacia).

O xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, explicou que a presentación do Festival nestas datas responde á intención de promocionar a iniciativa dende os primeiros días do 2008, cara a "reforzar o atractivo turístico da Semana Santa". Sobre o programa, destacou a "espiritualidade intercultural" como o seu denominador común, enmarcado precisamente no Ano Europeo do Diálogo Intercultural.

De todas as actuacións, nove son totalmente novas no Festival. E delas, cinco están por primeira vez en Galicia, tres por primeira vez en España e unha debuta en Europa. O calendario de concertos desta edición constitúe unha selección representativa dun amplo abano de músicas e agrupacións das culturas do mundo –occidentais e non occidentais- de contido íntimo e espiritual. Os estilos abarcan tradicións culturais europeas como a dálmata ou a ortodoxa rusa e outras máis lonxanas como a hindú ou a maqam iraquí.

Posta en valor do patrimonio
O programa mantén unha relación de equilibrio e posta en valor do patrimonio cultural tanxible e intanxible, a relación entre o espiritual e o profano, o pasado e o presente, a meditación e a comprensión, o coñecido e o descoñecido. En definitiva, é unha proposta que integra pola vía do diálogo cultural a diversidade dun mundo.

En canto aos espazos, incorpóranse por primeira vez as igrexas de San Miguel dos Agros e Santa Clara. A entrada é de balde, previa retirada da entrada na hora e lugar do concerto.

O proxecto do Consorcio de crear no 2006 este evento durante a época da Semana Santa representa un paso máis no proceso iniciado de conservación e posta en valor da Cidade Histórica de Santiago. Ademais, é un elo máis dentro da rede de estruturas culturais permanentes que pretende crear o órgano interadministrativo.

Compartir: