TURISMO

Aeroliñas e xestores de aeroportos debaten as súas estratexias en Santiago

12/12/2007 As III Xornadas de Aeroportos Rexionais, que se celebrarán entre o 13 e o 14 de decembro no Hostal dos Reis Católicos, convertirán a Santiago de Compostela en punto de encontro dos responsables dos aeroportos rexionais e das principais liñas aéreas que operan en España.

O obxectivo do evento é conseguir estimular as relacións entre as aeroliñas, os aeroportos, as rexións e os sectores económicos interesados no tráfico aéreo, e debater sobre cuestións chave coma os retos das compañías no escenario actual, o impacto económico e turístico dos aeroportos rexionais no seu entorno e os posíbeis modelos de xestión aeroportuaria.

Compañías como Iberia, Air Europa, Air Nostrum, Spanair, Air Berlin, Transavia, Clickair, Ryanair e Vueling confirmaron xa a súa presenza nas xornadas, nas que terán oportunidade de entrevistarse en privado cos representantes de gobernos locais, padroados, consorcios e empresas privadas asistentes.

Low cost fronte a liñas tradicionais
O evento será inaugurado o xoves 13 de decembro ás 10:00 horas, no Hostal dos Reis Católicos, polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; polo presidente da Deputación da Xirona, Enric Vilert; polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; e polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Pablo Villamar. A conferencia inaugural correrá a cargo do director de Turespaña, Félix Larrosa.

As xornadas funcionarán en torno a tres paneis, Retos das compañías aéreas nun escenario de cambios, Análise dos posíbeis modelos de xestión aeroportuaria e Impacto económico e turístico dos aeroportos rexionais no seu entorno. O primeiro contrastará a estratexia de negocio das compañías aéreas tradicionais, que será exposta o xoves 13 polos representantes de Air Europa, Air Nostrum e Spanair, coa do low cost, que defenderán o venres 14 os directores de Ryanair, Michael Cawley; Air Berlin, Alvaro Middlemann; Vueling, Alfons Claver, e Clickair, Alex Cruz.

A xestión e o impacto aeroportuario a debate
O segundo foro levará a debate as formas de xestión aeroportuaria cunha mesa de directores e conselleiros de transporte de varios gobernos autónomos –Galicia, Cataluña e País Vasco- e unha mesa de operadores aéreos, ambas coordenadas polo presidente da Asociación Española de Compañías Aéreas, Felipe Navío.

O terceiro panel, sobre o impacto dos aeroportos nas súas rexións, contará coas intervencións de Rubén Lois, director xeral de Turismo; e dos xerentes de Turismo de Santiago e A Coruña, Iñaki Gaztelumendi e Moisés Naranjo.

Documentos relacionados



Compartir: