TURISMO

O Fórum Gastronómico Santiago’08 preséntase en Lisboa ante os principais xornalistas de Portugal

11/12/2007 O mércores 12 de decembro, no restaurante Eleven de Lisboa, terá lugar un xantar cos principais xornalistas gastronómicos de Portugal, que poderán coñecer de primeira man as características e iniciativas que propón o Fórum Gastronómico Santiago’08, que se celebrará entre o 16 e o 20 de febreiro de 2008 en Santiago de Compostela, e que reunirá aos mellores profesionais da cociña europea actual.

Neste xantar, elaborado polo chef Joachim Koerper, estarán presentes os principais xornalistas grastronómicos de Portugal, como o escritor e crítico gastrónomo Francisco José Viegas, así como representantes das principais televisións (RTP, TVI, SIC) e xornais lusos (Jornal de Notícias, Diario de Notícias, Expresso). Tamén asistirán recoñecidos chefs portugueses, como Vítor Sobral, produtores de televisión e empresarios de hostalería.

O Fórum Gastronómico Santiago’08 albergará diferentes propostas e iniciativas baixo o denominador común das cociñas do Atlántico, eixo vertebrador do Congreso. Unha das características que diferencia ao Fórum son as súas sesións de cociña en directo nas que se degustan as creacións que realizan os profesionais co obxectivo de permitir ao asistente profundar na utilización de produtos e na aprendizaxe de técnicas.

Deste xeito, durante unha semana Santiago de Compostela converterase na principal referencia gastronómica de Europa coa presenza dos grandes cociñeiros do panorama culinario actual, como Paul Cunningham, Vitor Sobral, Seiji Yamamoto, Stephane Buyens, Koldo Miranda, Jordi Roca, René Redzepi ou os membros do Grupo Nove, composto polos cociñeiros galegos máis innovadores da actualidade, entre outros.

Compartir: