CULTURA

A Orquestra de Cámara Galega reivindica os compositores galegos nun concerto especial

11/12/2007 O Auditorio de Galicia acolle o mércores 12 de decembro, ás 20:00 horas, un concerto da Orquestra de Cámara Galega, que interpretará un programa de dous compositores galegos: Rogelio Groba e Andrés Gaos. Difundir a música clásica feita en Galicia entre os propios galegos é o obxectivo deste evento.

O concerto nace da colaboración entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a Fundación Rogelio Groba. Froito deste traballo conxunto, xa se interpretaron obras de compositores galegos en lugares como Bos Aires, así como en distintos puntos de Galicia (Allariz, Ponteareas, Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo) e do resto do Estado (Vitoria, Zaragoza, Valencia, Barcelona). Este ciclo rematará co concerto de Compostela e co que se realizará na Coruña o 16 de decembro.

O programa de obras de Rogelio Groba e Andrés Gaos será interpretado por unha formación, a Orquestra de Cámara Galega, fundada en 1995. O seu repertorio abarca diferentes épocas e estilos, dende o barroco temperán ata a actualidade, facendo especial fincapé nos autores de nova creación. Nesta liña, dende o ano 2003, a súa actividade estivo ligada ao estudo e difusión da obra de Rogelio Groba Groba, canalizada a través da colaboración coa Fundación R. Groba. Cunha recoñecida e prolífica traxectoria, a Orquestra segue o modelo de dirección do século XVIII, a través da figura do director-concertino, posto ocupado desde a súa formación por Rogelio Groba Otero.

Acompañarán á Orquestra Clara Groba Otero, como solista, e o grupo Obradoiro Vocal A Vila, formación composta por trinta voces mixtas dirixidas por Alberto Abal.

Compartir: