CULTURA

"Implícate!": música e palabras solidarias

11/12/2007 A música, a danza, o teatro e a poesía daranse cita no Teatro Principal na terceira edición de "Implícate! noite de música e palabra solidaria", unha gala organizada por Implicadas no Desenvolvemento (IND) e presentada por Yolanda Castaño e Isabel Blanco. Será o domingo 16, ás 20:30 horas, e alí estará xente como Loretta Martín, Espido, Nova Galega de Danza, María Reimóndez, Iria Piñeiro, Paula Carballeira, María Lado, Antón Lopo, Estíbaliz Espinosa ou Miguel Anxo Fernán Vello.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou esta iniciativa, na que os artistas colaboran de xeito desinteresado. O seu obxectivo é facer un chamamento á solidariedade das galegas e galegos, unindo cultura e solidariedade.

Acompañaron a Rego nesta presentación María Reimóndez, presidenta de IND e organizadora do evento, e Yolanda Castaño, presentadora do mesmo. A primeira recordou que o fío condutor da gala deste ano será o proxecto de desenvolvemento urbano realizado por IND en Tiruchy, no sur da India, nun ámbito de 8.000 persoas e centrado na igualdade entre homes e mulleres. O recadado nesta edición irá para un novo traballo destas características, tamén no sur da India, pero nun ámbito xa de 32.000 persoas.

Pola súa parte, Yolanda Castaño explicou o programa da gala, caracterizado pola "pluralidade e diversidade" de propostas. Segundo dixo, "será unha noite para aprender e para gozar.

Invitación a ver o mundo doutro xeito
O propósito principal deste evento é dar a coñecer o traballo desta organización de cooperación ao desenvolvemento galega, invitar ao público a ver o mundo con outros ollos e a reflexionar. A entidade quere animar a cambiar o mundo, dende Galicia, dende a conciencia crítica e a acción clara. Os cartos recadados con esta iniciativa destinaranse integramente a financiar proxectos de cooperación para o desenvolvemento de Implicadas.

En Implicadas cren que o cambio do mundo ten que comezar cun compromiso tamén con Galicia, recoñecendo o traballo que dende aquí se fai e activando as súas forzas vivas. Din que só cambiando as raíces da pobreza se poderá cambiar a situación de millóns de persoas, e iso implica mudar a nosa maneira de vida aquí ao ladiño da casa.

Implicadas no desenvolvemento cumprirá dez anos en 2008. Celebrarano cun completo calendario de actos para "abrir o noso traballo á cidadanía", segundo apuntou María Reimóndez.

As entradas están á venda a través do servizo de vendas de Caixa Galicia (a través da web e do teléfono 902 434443), no propio Teatro Principal, ou no local de Implicadas en Vigo (Camelias, 49 - escaleira). O prezo é de 10 euros a entrada xeral e 6 euros para estudantes.

Compartir: