DEPORTES

Fariña apunta como prioridade municipal o acondicionamento para probas de atletismo do estadio de San Lázaro

10/12/2007 A Fundación Compostela Deporte presentou o atletismo como nova modalidade deportiva da Compostela Cup do Camiño 2008, que se engadirá como competición oficial ás xa existentes no torneo: de fútbol, baloncesto, fútbol sala e balonmán. Neste acto, o vicepresidente da Fundación e concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, indicou que é prioridade municipal acondicionar as instalacións de San Lázaro para o desenvolvemento de probas atléticas.

O concelleiro apuntou que, xunto coa promoción do atletismo no deporte base,"é prioridade do Concello de Santiago e da Fundación poñer en condicións as instalacións de San Lázaro para acoller a fase final do torneo nas probas de pista de atletismo, e tamén para que poidan desenvolverse campionatos nacionais e, incluso, internacionais". A esta cuestión tamén se referiu o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos. "O obxectivo da Federación é traballar conxuntamente co Concello de Santiago para lograr a utilización do Estadio de San Lázaro en probas de atletismo, porque non hai na nosa Comunidade Autónoma outro lugar máis axeitado para ser o estadio de Galicia nesta disciplina", afirmou.

Sobre a disciplina do atletismo, Fariña falou da súa importancia: "Pensamos que, desde os ámbitos deportivo e formativo, o atletismo é un deporte fundamental na formación inicial de calquera rapaz ou rapaza, á marxe da especialidade ou deporte que despois quixeran practicar". Engadiu que "a Compostela Cup do Camiño está a facer un esforzo para contar cada vez con máis disciplinas deportivas, e o feito de incorporar o atletismo ten como obxectivo: difundir e promocionar esta disciplina en Santiago, máis aló do ámbito universitario, que é onde agora ten unha práctica máis habitual".

Pola súa banda, o delegado de Atletismo de Santiago, Iván Sanmartín, explicou que a competición contará "cun total de catro xornadas en pista e cinco xornadas en ruta ou campo a través; e todas as probas contarán con nenos e nenas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete".

Sanmartín precisou que as tres primeiras xornadas clasificatorias en pista celebraranse o 22 de decembro en Noia e, xa no 2008, o 12 de xaneiro nas pista da Fieiteira, en Ribeira, e o 2 de febreiro tamén en Noia. As catro xornadas clasificatorias das especialidades en ruta disputaranse todas no 2008, nas seguintes datas: o 19 de xaneiro en Boimorto, o 9 de febreiro en Arca (O Pino), o 8 de marzo na Silva (Cerceda) e o 26 de abril en
Porto do Son. A cuarta xornada en pista e a quinta en ruta, as correspondentes ás finais en cada unha das especialidades, terán lugar en Santiago en datas aínda por precisar entre maio e xuño.

Compartir: