URBANISMO

Aprobada inicialmente a modificación do Plan Especial de Peleteiro

10/12/2007 A Xunta de Goberno local deu o visto bo á modificación do Plan especial do equipamento docente D-19, en Monte Redondo (Montouto), onde se construirán as novas instalacións do Colexio Manuel Peleteiro. Os cambios non son substanciais, non afectan á ordenación e unicamente permiten pequenos axustes nas áreas de movemento dos módulos e na asignación de usos pormenorizados para os mesmos.

A modificación proposta mantén a ordenación volumétrica e unicamente introduce pequenos axustes nas áreas de movemento dos módulos H, J e K. Ademais, evita a asignación de usos pormenorizados a cada un dos módulos previstos, establecendo como uso global o docente, á espera de que o proxecto construtivo asigne o destino en concreto en función das necesidades do programa educativo.

O proxecto someterase a información pública durante un mes. Igualmente, remitirase á Consellería de Medio Ambiente para que se pronuncie sobre a necesidade de someter o Plan ao procedemento de avaliación estratéxica. Tamén se recabarán os informes de Augas de Galicia e da Demarcación de Estradas do Estado.

Cornes
Por outra parte, o Goberno local tamén aprobou inicialmente o proxecto modificado número 1 da urbanización do polígono 1 do SUP-2, de Cornes. O obxectivo deste cambio é coordinar as obras coas que se están realizando no polígono coas que se están a executar nos terreos lindeiros. O documento someterase a información pública durante 20 días.

Penamaría
Tamén en materia de urbanismo, aprobouse o proxecto, prego e inicio de expediente de contratación das obras de urbanización das unidades de actuación A e B de Penamaría (San Lázaro). O tipo de licitación é de 238.746 euros e o prazo de execución de seis meses.

Compartir: