CULTURA

Lupe Gómez presenta "Pornografía"

05/07/2005 O xoves 7 de xullo, dentro do ciclo literario "Poeta en Compostela", a escritora Lupe Gómez presentará o seu poemario "Pornografía". No acto participarán, ademais da propia autora, a concelleira de Educación de Santiago, Elvira Cienfuegos, a escritora Antía Otero, en representación da Asociación de Escritores en Língua Galega e a cantante Carme Dolores, que fará unha interpretación de fados acompañando o recital poético.

"Pornografía" forma parte da colección "Poeta en Compostela", que edita a Concellaría de Cultura de Compostela xunto ao xornal El Correo Gallego coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Esta iniciativa naceu co obxectivo de achegar a poesía a un amplo público, a través da distribución gratuita co xornal. O libro de Lupe Gómez é o décimo desta colección que, até o de agora, acolleu títulos de Manuel María, Marta Dacosta, Salvador García Bodaño, Helena Villar-Xesús Rábade, Rafa Villar, María Lado, Antón Lopo, María do Cebreiro e Bernardino Graña.

"Pornografía" é o título que deu a coñecer á poeta Lupe Gómez nos anos noventa. A escritora publicou o seu primeiro poemario nunha edición de autora que viu como se agotaban os exemplares impresos para a ocasión. Desde entón, Lupe Gómez consolidouse como unha das voces máis orixinais e singulares da actual poesía, sumando títulos e premios a súa traxectoria. Coa nova edición de "Pornografía" recupérase un dos libros que máis impactou da nova xeración de poetas galegos.

Compartir: