FESTAS

Todo listo para encender o alumeado de Nadal

07/12/2007 O alcalde compostelán inaugurará o sábado 8 de decembro o alumeado de Nadal, que permanecerá aceso ata 7 de xaneiro, en horario de 18.00 a 2.00 horas, agás o 24, 25 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro, que se prolongará ata o mencer. Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado dalgúns membros da Corporación, percorrerá a continuación algunhas das iluminadas rúas e prazas da cidade.

Despois de recibir aos representantes dos comerciantes da cidade, o alcalde inaugurará o alumeado na praza do Obradoiro, onde se encenderán o Belén e o abeto xigante, así como a fachada do Pazo de Raxoi. A continuación dirixirase á praza do Toural, onde se porá en marcha o teito de led e onde actuará o Grupo de Metais de Santa Cecilia. Despois, encendido, dende a Porta Faxeira, das luces da praza de Galicia, da rúa da Senra, da Alameda e da rúa Juan Carlos I. Finalmente, no cruce de Alfredo Brañas e República del Salvador, procederase a iluminar o Ensanche.

O investimento municipal neste alumeado superou os 50.000 euros, dos cales o Concello achega o custo do prego de condicións da iluminación do Casco Histórico, 27.840, a partes iguais entre as concellarías de Festas e de Casco Histórico. A partida municipal comprende tamén o 30% do investimento que realicen os comerciantes, xa que se invitou ás distintas asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos da cidade á participar na iluminación do Nadal. Deste xeito, coa colaboración da asociación de comerciantes Acotés iluminarase a maioría das rúas do Ensanche, e coa asociación de comerciantes do barrio de San Pedro as rúas do mesmo.

No caso da Praza do Obradoiro, os ornamentos son tamén xestionados directamente polo Concello. Ademais das concellarías de Festas e Casco Histórico, participa o departamento de Parques e Xardíns, que é o encargado de iluminar todas as rotondas de entrada á cidade.

O deseño da iluminación segue a mesma liña da instalada no Nadal de 2006. Deste xeito, na Praza de Cervantes instalouse un paraugas de bombillas de led de cor branca composto de 32 tiras de 100 bombillas cada unha; na Praza de Fonseca iluminaranse 10 árbores e nas rúas Xoán Carlos I e Senra, 17 árbores con bombillas de dobre led e 10 arcos de 11 metros de longo cada un deles; na Praza do Toural a iluminación constará dun teito de bombillas composto por 32 tiras; en Porta Faxeira haberá unha arcada e na entrada da Alameda, 10 árbores con bombilla branca de led pebeteiro; na Praza de Galicia o ornamento instalarase en 5 farolas e 8 árbores e no Campo da Estrela, en 2 farolas.

Cómpre lembrar que nesta ocasión o encendido do alumeado retrásase unha semana con respecto ao ano anterior seguindo a recomendación da Unión de Consumidores cara a reducir o consumo enerxético.

Compartir: