CULTURA

"Closer" reanuda o calendario cultural de decembro

07/12/2007 Rematado Cineuropa e o ciclo Sons da Diversidade, dúas funcións dunha das obras teatrais de máis éxito en España, Closer, abren o programa cultural de decembro en Compostela. Cine, teatro, música e actividades de Nadal completan a proposta para este mes.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou un calendario de actividades que, rematado Cineuropa, abre a representación de Closer no Teatro Principal os días 8 e 9 de decembro. Ata Compostela chega unha obra avalada por crítica e público en toda España, protagonizada unha actriz, Belén Rueda, de plena actualidade pola súa participación no filme O orfanato. Acompáñana no reparto José L. García Pérez, Sergio Mur e Lidia Navarro. Mariano Barroso dirixe esta obra de Patrick Marber aquí versionada por Cote Soler e o propio director.

Pero o mes de decembro contará con máis teatro, da man de Nove Dous, que trae a Santiago Ás veces sentímonos tan cansos que facemos estas cousas, de Rodrigo García, premio Max 2004 á mellor adaptación de obra teatral. Dirixe Roberto Cerdá e o reparto compóñeno Marián Bañobre, Xabier Deive, José García, Josi Lage e Lois Soaxe. A obra representarase no Principal o mércores 12 e o xoves 13. Outra proposta teatral é a de Berrobambán, con varias funcións dirixidas a escolares e familias da súa obra Boas noites, de Paula Carballeira, entre o 10 e o 12 de decembro.

A oferta específica para o Nadal chega da man do Nadal Lúdico entre o 17 e o 30 de decembro, no que se inclúen actividades como as representacións de monicreques de Bolboreta a cargo de Títeres Trompicallo e de Unha de amor por Artello, o Concerto de Nadal da Escola Municipal de Música ou Nadal Máxico. A isto haberá que engadir o Nadalxogo, que se desenvolverá do 26 de decembro ao 5 de xaneiro no multiusos Fontes do Sar.

No eido das artes plásticas destaca a entrega do V Premio Auditorio de Galicia para novos artistas. Será o 20 de decembro, data na que se inaugura a mostra saída desta convocatoria, que se poderá ver ata o 24 de febreiro de 2008.

A actividade musical terá como punto destacado a celebración o 27 e o 28 de decembro do VII Festival de Zarzuela de Santiago. Tampouco faltarán os concertos da Real Filharmonía de Galicia e, o 30 de decembro, na Catedral de Santiago, o Ordo Prophetarum, drama litúrxico do século XII.

Presentado este calendario para decembro, o concelleiro de Cultura anunciou a intención de continuar en 2008 coa mesma liña de programación cultural. En calquera caso, o departamento pretende "repensar os eventos que xa temos para darlles maior potencia e proxección", co obxecto de que Santiago siga sendo "referente como capital cultural".

Documentos relacionados



Compartir: