TURISMO

Turismo destaca o interese das diferentes igrexas de Xerusalén en participar activamente no Ano Santo

06/12/2007 A delegación galega que entre os días 5 e 8 de decembro visita Terra Santa co obxectivo de promocionar Compostela e o seu camiño como destino turístico comezou coas actividades previstas e nas que participa o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias. O programa, organizado dende a Consellaría de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Turismo, incluíu o primeiro día unha recepción na Casa do Concello de Xerusalén ofrecida polas autoridades locais, e na que participaron tamén autoridades relixiosas, representantes da universidade e outras autoridades civís da cidade.

Entre as diferentes autoridades relixiosas estaban presentes unha parte importante das diferentes igrexas con presencia en Xerusalén como, por exemplo, o Patriarca grego ortodoxo, o Patriarca da igrexa armenia ou un representante da custodia franciscana. A delegación galega, ademais de Iglesias tamén a integran o director xeral de Turismo, Rubén Lois; o xerente do Xacobeo, Ignacio Eguibar; e o deán da Catedral de Santiago, José María Díaz.

Na súa intervención ante estas autoridades, Xosé Manuel Iglesias destacou que Compostela e Xerusalén son cidades unidas pola historia e pola fe dende hai máis de dous mil anos. Esta historia común supón para Iglesias que "en certo modo seguen a compartir destino, dado que as une a enorme responsabilidade de ser metas para a fe de millóns de persoas desexosas de visitar as reliquias que custodian". Iglesias valorou moi positivamente o encontro e a coincidencia de aspiracións dos distintos representantes eclesiásticos e destaca "o interese demostrado por algún deles de reforzar e intensificar as relacións entre Compostela e Xerusalén de cara ao próximo ano Santo compostelán, con actividades que acheguen a toda a cidadanía os profundos vínculos existentes entre as dúas cidades e que se remontan ao tempo no que o Apóstolo Santiago recibiu martirio na cidade santa de Xerusalén".

Encontro cos ministro de turismo de Israel e Palestina
O xoves 6 de decembro, a delegación galega participou na apertura do congreso "Cidades Santas e Peregrinación", que durante dous días se celebra no centro de reunións Ben Zvi e na que expertos na historia das cidades santas e das peregrinacións. así como na xestión turística, debaterán e compartirán experiencias sobre a delicada relación entre turismo, conservación do patrimonio cultural –nas súas perspectivas materiais e inmateriais- e principalmente coa relixiosidade de miles de persoas que acoden a estas cidades.

Posteriormene, Xosé Manuel Iglesias participou na reunión que a delegación galega mantivo coa ministra de Cultura de Palestina, Khulud Daibas, e con medio cento de touroperador palestinos para presentar Santiago e Galicia como destino turístico relixioso. Logo estaba previsto un encontro con máis de cen profesionais do sector turístico de Israel, coa participación do secretario de Estado de Turismo deste país, Raphael Ben-Hur, e do embaixador de España, Eudaldo Mirapeix.

Compartir: