TURISMO

Compostela e o seu Camiño promociónanse en Xerusalén

04/12/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, viaxará a Xerusalén entre os días 5 e 8 de decembro como membro dunha delegación galega -integrada entre outras persoas polo director xeral de Turismo, Rubén Lois, e polo deán da Catedral de Santiago, José María Díaz- co obxectivo de participar no congreso "Cidades Santas e Peregrinación" e manter diversos contactos con responsables políticos, empresariais, culturais e relixiosos tanto israelís e palestinos. O obxectivo: promover Santiago e Galicia como destino turístico.

Esta reunión enmárcase dentro do programa europeo "Holy Cities" asinado entres as cidades de Santiago de Compostela, Xerusalén e Roma en decembro de 2005 co obxectivo de coordinar e integrar unha estratexia común de desenvolvemento turístico que combine a defensa do patrimonio e a promoción cultural. Posteriormente, no ano 2006 o Xacobeo asinou un convenio co Concello de Santiago para participar nesta iniciativa. É neste marco de colaboración onde se encadra a visita dos responsables autonómicos e municipais composteláns a Xerusalén.

Roma, Xerusalén e Compostela, ademais de ser a meta das maiores peregrinacións que conforman o espazo sacro da cristiandade, comparten a condición de cidades Patrimonio da Humanidade, e de aí o interese mutuo en planificar unha política turística e de difusión da imaxe común. As tres, con notables diferenzas entre si, comparten problemas como é o de buscar un equilibrio entre a conservación do patrimonio cultural, o respecto polas manifestacións relixiosas e dar cabida en contornos sensibles a un turismo que pode chegar a ser masificado.

Programa
O programa inclúe o primeiro día unha recepción na Casa do Concello de Xerusalén ofrecida polas autoridades locais, na que participarán tamén autoridades relixiosas, representantes da universidade e outras autoridades civís da cidade.

O xoves día 6, ás 9:00 horas. inaugurarase o congreso "Cidades Santas e peregrinacións", no que haberá diferentes relatorios e mesas redondas en torno a esta temática. Ese mesmo día Xosé Manuel Iglesias participará en varios actos de promoción turística, que inclúen a medio día un encontro con touroperadores e autoridades palestinas, e xa pola noite un encontro con touroperadores, prensa especializada e autoridades israelís.

O terceiro día haberá un encontro co embaixador de España na súa residencia oficial en Tel Aviv, e xa na tardiña inaugurarase a exposición "O camiño de Santiago. Unha experiencia eterna de peregrinación e cultura", organizada pola Dirección Xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria.

O sábado 8 a delegación galega visitará a cidade cisxordana de Belén, na que manterán contactos coas autoridades palestinas.

Compartir: