ALCALDÍA

Concello e hostaleiros coinciden no impacto positivo das liñas aéreas de baixo custo

04/12/2007 Os novos presidentes da Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago de Compostela e Comarca, Jesús Sordo e José Antonio Liñares, mantiveron un primeiro contacto co alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, trala súa recente elección. No encontro abordaron posibles colaboracións futuras e analizaron a situación turística da cidade.

Na xuntanza tratáronse temas como o apoio decidido ao proxecto da Cidade da Cultura, ou o efecto positivo que están a ter no turismo e, por extensión, na hostalería, as compañías aéreas de baixo custo. Neste sentido, Sánchez Bugallo destacou a súa importancia para atraer á cidade e a Galicia a turistas que "permanecen aquí un promedio de cinco días".

Os dous presidentes dos hostaleiros ratificaron o compromiso de colaboración e de apoio ás iniciativas municipais no campo turístico. En particular, referíronse ás boas perspectivas de ocupación para a ponte da Constitución, no que se vai rexistrar un "case cheo" nos hoteis composteláns.

Compartir: