EDUCACIÓN

Unha peculiar recreación da Catedral será a imaxe do Nadal en Compostela

04/12/2007 O Concurso de Carteis e do Programa de Nadal 2007 xa ten gañadores. Unha estampa de Nadal que recrea a fachada da Catedral compostelá, realizada polo alumno do Pío XII de 11 anos, Lucas Barros López, fíxose co primeiro premio e será a imaxe do cartel deste Nadal en Santiago. Un total de 1.100 carteis entraron no proceso final de selección.

O segundo premio foi para Patricia Louzao Rey, de 1º de primaria do Lamas de Abade, e o terceiro para a aula de 2 a 3 anos da Escola Infantil do Hospital Gil Casares. Tamén se outorgaron tres accesit a: Manuel López Bernárdez, de cuarto de primaria do San Xosé de Cluny; Pablo Villaverde Rodríguez, de tres anos, do CEIP Santiago Apóstolo; e Ainhoa Vázquez Varela, de cinco anos, do CEIP Fontiñas.

Os gañadores foron elixidos por un xurado integrado por seis escolares, tres persoas do Concello de Santiago e un profesional do deseño. No transcurso das súas deliberacións, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, entrou a saudalos. O día 20 farase a entrega de premios nun acto público que terá lugar no Pazo de Raxoi.

A contía económica do concurso ascende a 960 euros dos que 360 recaen no primeiro premio. 240 serán para o autor do debuxo e 120 para o centro no que estude. O segundo cartel recibirá 240 euros divididos en 150 e 90 para alumno e centro, respectivamente. O terceiro premio acada 180 euros: 120 para o neno ou nena e 60 para o colexio. Esta última cantidade será a que reciban os tres accésit.

Compartir: