BENESTAR SOCIAL

As entidades sociais da cidade animan aos composteláns a mercar agasallos solidarios no Nadal

03/12/2007 Con motivo da celebración, o 3 de decembro, do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a Concellaría de Benestar quixo chamar á sensibilización sobre esta cuestión. Con este obxectivo, a súa responsable, Mar Martín, celebrou unha rolda de prensa con representantes das entidades Fonte da Virxe, Aspas, Agadea, Asociación de Lupus, Acem e Sarela.

A rolda serviu para presentar a representación da obra de teatro "O enfermo imaxinario", de Molière, prevista para o mesmo día, ás 19.00 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche. A posta en escena corre a cargo da compañía Papachangos, integrada exclusivamente por persoas con enfermidades mentais e nada no seo da asociación Fonte da Virxe.

Ademais da obra de teatro, a concelleira e as representantes das asociacións animaron aos composteláns a mercar agasallos solidarios nestas festas. Lembraron que hai pezas de artesanía feitas polas distintas entidades e que están a disposición dos cidadáns no quiosco da praza de Galicia "Luces de Compostela".

Compartir: