FESTAS

O alumeado de Nadal encenderase o 8 de decembro

03/12/2007 O encendido da iluminación de Nadal terá lugar o sábado 8 de decembro e permanecerá acesa ata o 7 de xaneiro de 2008 en horario de 18:00 a 2:00 horas., agás o 24, 25 e 31 de decembro e 5 de xaneiro, que permanecerán encendida ata o mencer.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurará o encendido da iluminación do Nadal 2007, que nesta ocasión se retrasa unha semana con respecto ao ano anterior seguindo a recomendación da Unión de Consumidores de cara a reducir o consumo enerxético.

A Xunta de Goberno Local celebrada o luns 3 de decembro deu o visto bo á adxudicación do aluguer de equipos de iluminación de Nadal para diversas rúas do Casco Histórico, que recaeu na empresa Iluminaciones Santiaguesas, por importe de 27.840 euros, achegados a partes iguais polas concellarías de Festas e de Casco Histórico.

O deseño da iluminación seguirá a mesma liña da instalada no Nadal de 2006. Deste xeito, na praza de Cervantes instalarase un paraugas de bombillas de led de cor branca composto de 32 tiras de 100 bombillas cada unha; na praza de Fonseca iluminaranse 10 árbores e nas rúas Xoán Carlos I e Senra, 17 árbores con bombillas de dobre led e 10 arcos de 11 metros de longo cada un deles; na praza do Toural a iluminación constará dun teito de bombillas composto por 32 tiras; en Porta Faxeira haberá unha arcada e na entrada da Alameda, 10 árbores con bombilla branca de led pebeteiro; na praza de Galicia o ornamento instalarase en 5 farolas e 8 árbores e no Campo da Estrela, en 2 farolas.

A iluminación do resto da cidade farase en colaboración coas asociacións de comerciantes que amosaron o seu interese, como a asociación de comerciantes Acotés (iluminaranse así a maioría das rúas do Ensanche) ou coa asociación de comerciantes do barrio de San Pedro. No caso da praza do Obradoiro, os ornamentos serán xestionados directamente polo Concello. Ademais das concellarías de Festas e Casco Histórico, participa o departamento de Parques e Xardíns, que será o encargado de iluminar todas as rotondas de entrada á cidade.

Compartir: