TRANSPORTES E MEDIO AMBIENTE

O INEGA colaborará co Concello no plan de potenciación do uso da bicicleta

03/12/2007 O Concello e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) formalizarán un convenio para a promoción e potenciación do uso da bicicleta como medio de transporte urbano. A entidade autonómica achegará 140.000 euros, que sen investirán en bicicletas, estacións aparcabicis, obra civil e demais instalacións necesarias para a posta en marcha do servizo, incluída a publicidade.

A Concellaría de Transportes asumirá o custo do mantemento anual do servizo, que ascende a 39.080 euros. En virtude deste convenio, o Concello comprométese a construír un mínimo de tres bases para aparcar bicicletas, mercar 100 bicis e xestionar o sistema de xeito que o público dispoña destas.

Cómpre lembrar que este Plan foi representado recentemente polo propio alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e polo concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, coa previsión de que entre en funcionamento en marzo de 2008. O custo para os usuarios será de apenas seis euros anuais.

Aínda que o convenio prevé un mínimo de tres bases, a intención do Concello é habilitar dez puntos de recollida de bicicletas: Campus Sur (2), Campus Norte, Ensanche, Fontiñas, Casco Histórico, Estación de Autobuses, Estación do Tren, Vite-Vista Alegre e San Lázaro. Alí, os usuarios terán á súa disposición 100 bicicletas, 10 delas con motor, que poderán empregar grazas a unha tarxeta ou un dispositivo a través do teléfono móbil, algo aínda pendente de determinar.

O uso da bicicleta obrigará tamén a facer algunha modificación na Ordenanza de circulación e uso da vía pública, de xeito que en determinadas rúas porase a limitación de velocidade nos 30km/h. A Concellería de Mobilidade preparar estas adaptacións co obxectivo que estean listas en xaneiro.

Compartir: