WEB

A web do Concello de Santiago acada o posto 21 na Radiografía das webs municipais do Ciberp@is

04/07/2005 O portal de Santiago de Compostela, que o ano pasado este mesmo estudio situaba no posto 67, obtivo 218,28 puntos dun máximo de 300, a segunda mellor clasificada das cidades galegas.

A web municipal do Concello de Santiago acadou o posto número 21 da análise de webs municipais que realiza anualmente o Ciberp@is, publicado o venres 1 de xullo, e que este ano radiografou preto de 100 municipios españois.

Segundo este estudo, que analiza a presenza na Rede das capitais de provincia e os municipios con máis de 75.000 habitantes, o portal do Concello de Santiago obtivo 218,28 puntos sobre un máximo de 300, situándose por diante de todos os concellos galegos analizados (Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra), agás do de A Coruña, que acadou o posto número 11. Ademais, www.santiagodecompostela.gal deu un salto cualitativo con respecto ao pasado ano, no que a mesma Radiografía das webs municipais a situaba no posto número 67.

Este é o quinto ano consecutivo que o suplemento do diario El País analiza as webs municipais. No estudo valóranse aspectos como trámites e pagos on-line, accesibilidade, rueiros, impresos on line, información de transportes, certificados dixitais e carpeta do cidadán e servizos a través do móbil. O portal www.santiagodecompostela.gal, que con 60.000 visitas ao mes é un dos máis visitados, está cualificado como web "útil" e situouse entre os primeiros no que respecta ao servizo de Atención ao cidadán a través do correo electrónico.

A web do Concello de Santiago, que foi presentada o pasado 11 de marzo de 2005, persegue o obxectivo de ser "unha oficina municipal aberta as 24 horas", segundo explicou o Concelleiro de Reforma Administrativa, Xaquín Fernández Leiceaga no seu día. Neste senso, o persoal do concello encargado do seu mantemento así como a empresa que a deseñou, Acordar, traballan na segunda fase do portal, a fin de ofrecer cada vez máis información e servizos que eviten ao cidadán desprazarse para realizar os seus trámites, aforrando tempo e diñeiro.

Desde a idea de que www.santiagodecompostela.gal se configure como un único punto de acceso ao que poder ir engadindo máis servizos electrónicos conforme se vaia avanzando na web, estase a traballar na incorporación do certificado dixital e xa se asinou un convenio entre o Concello e o Colexio de Avogados de Galicia que permitirá a través da sinatura electrónica realizar numerosos trámites on line como a presentación de recursos ou alegacións, sendo plenamente válidos a efectos legais.

Compartir: