ALCALDÍA

As cidades Premio de Europa realizan a ofrenda ao Apóstolo Santiago

02/07/2005 Na súa invocación ao Apóstolo, o presidente da delegación española, Lluis María de Puig, nos actos do 50 aniversario da creación do Premio de Europa, subliñou que os valores que dan sentido ao Consello de Europa son "a loita pola paz, a xustiza, o progreso social, a tolerancia e a solidariedade, sen os cales non hai sociedade democrática nin desenvolvemento humano".

A segunda xornada dos actos conmemorativos do 50 aniversario da creación do Premio de Europa e do 20 aniversario da concesión deste galardón á cidade de Santiago, o sábado 2 de xullo, comezou co acto de descubrimento dunha placa conmemorativa no parque de San Lázaro, a carón da recentemente nomeada Praza da Concordia, no tramo final do camiño francés.

A acto asistiron membros e parlamentarios do Consello de Europa e autoridades de vintecinco das máis de sesenta cidades que ostentan o Premio de Europa, galardón co que o Consello de Europa recoñece a implicación das cidades na construción europea. Nunha breve intervención o Alcade de Santiago. Sánchez Bugallo, lembrou que ese mesmo lugar onde trascurría o acto foi transitado a longo dos séculos por millóns de peregrinos, convidando aos presentes a reflexionar brevemente sobre o espírito que anima aos peregrinos.

De seguido os asistentes emprenderon a súa breve peregrinación ata a Catedral ao longo do camiño francés atopando ao seu paso numerosas casas e comercios engalanados coa bandeira do Consello de Europa, especialmente na rúas de San Pedro e Casas Reais.

Unha invocación das cidades Premio de Europa

Os participantes na peregrinación asistiron á Misa do Peregrino, no transcurso da cal o presidente da delegación española, Lluis María de Puig, realizou a ofrenda en nome dos membros da Comisión de Medio Ambiente, Agricultura e Asuntos Territoriais da Asamblea parlamentaria do Consello de Europa e dos representantes das cidades premiadas.

Lembrando que o Consello de Europa "é a máis antiga e a máis grande institución europea, a maior das organizacións estrictamente europeas, que agrupa hoxe a 46 países, é dicir a totalidade do continente", Puig destacou que "se trata de institución que defende insistentemente os dereitos humanos, as liberdades fundamentais, o sistema democrático e os valores humanitarios e sociais".

"O que da sentido a nosa institución -engadeu- é a loita pola paz, a xustiza, o progreso social, a tolerancia e a solidariedade, sen os cales, ao noso xuizo, non hai sociedade democrática nin desenvolvemento humano".

Facendo referencia aos conflictos da nosa sociedade, "guerras, inxustizas e despotismos, tiranías e dictaduras que nos interpelan duramente e que nos avergoñan, por non falar da miseria, da fame e das pandemias" o presidente da delegación española expresou que fronte a eles "debemos imponernos fortes doses de cooperación e solidaridade".

Expresándose ao longo da súa invocación en inglés, francés, castelán e galego Lluis Marís de Puig, manifestou que "outro xeito de facer o Camiño é sen dúbida o que celebramos nestes días, o premio ao impulso ás cidades e vilas na promoción da idea europea, do intercambio, dos contactos e das relacións entre cidadáns a fin de crear espacios comúns e complicidade de proximidade arredor aos valores que
significa o ideal europeo".

Compostela, o mellor símbolo destes ideais

"¿Que outra vila como Santiago de Compostela podería simbolizar mellor este espírito?", engadeu o oferente lembrando que "desde a Idade Media Compostela convertiuse (desde os descubrimento da vosa presenza apostólica e do voso sepulcro nestas terras) no punto central da viaxe e do reencontro de xentes chegadas de toda Europa nunha peregrinación que perdura ata os nosos días e da cal, hoxe nós, modestamente, queremos formar parte".

Así mesmo Lluis María Puig destacou que o Camiño de Santiago "foi un precedente europeo indudable: co impulso da fé, os peregríns da Alta Idade Media inauguraron a fraternidade intereuropea, e reencontro entre xentes de linguas, culturas e etnias ben diferentes que atendían a unha creencia común". "Durante estes séculos fundadores de Europa e dos seus estados , indicou, o Camiño de Santiago foi unha referencia de unidade, fraternidada e comunicación entre os europeos".

Compartir: