PLENO

O Museo do Pobo Galego, distinguido coa Medalla de Ouro da Cidade polos "altos servizos e atencións prestados nesta cidade"

29/11/2007 Tal como anunciara o alcalde e logo de pasar polo Consello Asesor de Condecoracións, o Pleno municipal aprobou por unanimidade a concesión da Medalla de Ouro da Cidade ao Museo do Pobo Galego. A distinción é "unha mostra notoria da súa gratitude e eminente recoñecemento polos altos servizos e atencións prestados nesta cidade".

O Museo recibirá a Medalla na súa modalidade de Mérito Cultural. Preténdese así recoñecer "os destacados merecementos que, no campo das Letras ou das Ciencias poidan contraer relevantes personalidades ou institucións españolas ou estranxeiras no interese da cidade".

No recoñecemento do Museo houbo unha lembranza á celebración do trixésimo aniversario da súa inauguración o 29 de outubro e a aquelas persoas que fixeron posible o "soño de abrir un museo que recollese a identidade dos galegos". O seu papel para a recuperación da memoria colectiva, as salas permanentes, o labor investigador ou a calidade e cantidade dos seus fondos de arquivo, os servizos didácticos son algúns dos aspectos valorados na distinción. E entre os seus méritos destaca tamén o de "converterse nun referente indispensable da nosa cultura e o de conseguir unir a cultura popular coa elite intelectual e facela visible".

O alcalde estima que, con esta Medalla, "o Concello salda unha débeda que tiña contraída co Museo como institución". Así, cre chegado o momento de que a Corporación Municipal recoñecera expresamente os méritos dunha institución que "non se converteu nun concepto estático ou inamovible, senón nunha identidade en evolución que se constrúe e medra día a día, converténdose nun espazo de rexeneración cultural e que precisa do continuo apoio de todos para traballar nesta liña de recuperación das variadas imaxes e facianas de Galicia".

Compartir: