XUVENTUDE

O Centro Sociocultural do Ensanche acolle os Primeiros Encontros de Xogos de Rol "As catro mesas"

29/11/2007 A Concellería de Mocidade, en colaboración co colectivo Zónula Catro, organiza os Primeiros Encontros de Xogos de Rol "As catro mesas". Trátase dunha iniciativa de promoción dun tipo de xogos que de xeito lúdico estimula a creatividade e a imaxinación. A participación é de balde.

O obxectivo destes encontros é crear un punto de encontro para a xuventude nun espazo apropiado, como é o Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado 14-16). Ao longo do sábado 1 de decembro, entre as 10:30 e as 20:30 horas, poderase coñecer xente diversa coa que compartir unha afección distinta. Haberá xogos de rol, de miniaturas, de cartas e de taboleiro.

Ademais, se coincide un grupo de persoas suficiente e interesadas por estes temas crearase unha comunidade de xogadores que, con carácter estable no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, desenvolva actividades como a organización de torneos, obradoiros, partidas, coñecemento doutros xogos, elaboración de maquetas ou miniaturas e calquera outra iniciativa na que coincidan.

Para calquera consulta pódese contactar co Departamento de Mocidade a través do teléfono 981 554 400, ou no Centro Sociocultural do Ensanche no teléfono 981 543 001.

Compartir: