MEDIO AMBIENTE

Máis de 60 persoas traballan no operativo para recuperar os visóns soltos en San Marcos

28/11/2007 A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, Elvira Cienfuegos, manifestou o seu rexeitamento ante solta indiscriminada de visóns acontecida na madrugada do mércores 28 en San Marcos. Hai que lembrar que os visóns son unha especie moi voraz e no noso medio actúan como depredadores e invasores.

Segundo a concelleira, este tipo de accións non son máis que actos que provocan importantes desequilibrios no ecosistema, comportándose como invasoras que compiten coas especies autóctonas e que poden chegar ate a eliminación das que lle serven de alimento. Poden afectar a animais tanto silvestres como domésticos.

Elvira Cienfuegos incidiu en que é evidente o dano que se está provocando mesmo aos propios visóns, posto que xa foron varios os que morreron e serán mais os que morran por causa da súa falta de adaptación ao medio. Os que sobrevivan de non ser restituídos xerarán graves problemas no medio ambiente, como xa se ten comprobado por experiencias anteriores.

En termos semellantes se pronunciou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, que cualificou o feito coma un "atentado ecolóxico" e coma un "acto vandálico contra unha propiedade privada". Referiuse así mesmo á súa intencionalidade e ao gran prexuízo medioambental que causará.

Operativo organizado
Para resolver os problemas derivados desta solta e visóns, o mellor é contactar co número de telefono 112, onde será atendido por persoal especializado que xa ten instrucións precisas. Por iso, recoméndaselle a toda a poboación de Compostela e comarca que non tente atrapar os visóns, senón que chamen ao 112.

Para facer frente a esta situación está funcionando xa un operativo de case 70 persoas –que aumentará nas próximas horas- composto por persoal do Concello de Santiago (Protección Civil e Policía Local), das Consellarías de Medio Rural e da de Medio Ambiente e do Seprona.

É importante que as viciñas e viciños non tenten apañar os animais e que dean os avisos necesarios ao 112. Neste caso, os animais ceibados son na súa maioría adultos, o cal pode complicar a súa recuperación e facelos un pouco perigosos.

Compartir: