AEROPORTO

Unha UTE construirá en 26 meses a nova terminal de Lavacolla

28/11/2007 A UTE formada por Corsán-Corviam Construcción, Copcisa e Teconsa será a encarga de construír a nova terminal aeroportuaria de Lavacolla. AENA anunciou a adxudicación a esta unión de empresas da obra, que fixa un prazo de 26 meses, polo que o edificio podería estar rematado na primavera de 2010. A oferta da adxudicataria ofrece un orzamento de 125.836.820 euros, o que supón unha rebaixa do 26,62% sobre o orzamento inicial.

O alcalde compostelán valorou moi positivamente esta noticia sobre "un proxecto moi importante para Santiago e para Galicia". Cara a facilitar o comezo das obras, Sánchez Bugallo expresou a súa confianza en chegar a "un acordo razoable con AENA, Aeroclub e Defensa nunha xuntanza a semana que vén, de tal maneira que non haberá ningún problema coa dispoñibilidade dos terreos para acometer a obra".

Lembrou tamén que o proxecto da nova terminal, que terá capacidade para catro millóns de viaxeiros, "vai en paralelo á ampliación da pista do aeroporto de 3.250 a 3.400 metros aproximadamente, o que permitirá aterrar en Santiago todo tipo de avións, incluído o novo Airbus 380". Indicou que a construción do novo complexo non interferirá na actual, cuxo destino definitivo aínda non está decidido.

Sobre os prazos, Sánchez Bugallo recordou que "o que prevía Plan Director é que a obra se licitara en 2011 e se rematara antes de 31 decembro 2013, e hoxe traballamos coa hipótese de inaugurala en 2010".

Dous corpos diferenciados
O edificio terminal, cun total de 74.230 metros cadrados, terá dous corpos claramente diferenciados. Por un lado, un edificio procesador deseñado en forma rectangular que dispón de dúas plantas destinadas ao pasaxeiro (a inferior de chegadas e a superior de facturación), dúas plantas parciais para compañías, operacións e servizos aeroportuarios, dúas entreplantas parciais para o tratamento de equipaxes e un soto para instalacións, almacéns e servizos xerais.

Na planta de facturación, o pasaxeiro contará con 32 mostradores, dous deles para equipaxes especiais; e na de chegadas haberá seis hipódromos de recollida de maletas convencionais e dous máis para equipaxes especiais.

Como continuación a este edificio procesador, pero como corpo independente atópase o edificio dique en forma de "Y". Este edificio dispón dunha planta superior destinada a control de seguridade, zonas comerciais e embarque; unha planta inferior, a nivel de plataforma, para patio de carros de equipaxes e servizos handling; e una entreplanta destinada a distribución e inspección de equipaxes. A zona de embarque contará con dez portas de embarque con acceso a seis prepasarelas e dúas portas de embarque máis para acceso en remoto.

Aparcadoiro de 3.665 prazas
Por outra parte, o edificio de aparcadoiro ten unha superficie de 150.400 metros cadrados e está configurado con cinco plantas, das cales a inferior está destinada a aluguer de coches e as outras catro como aparcadoiro público.

En total crearanse 3.665 prazas de aparcadoiro para vehículos privados e de aluguer, para empregados, para taxis e para autobuses. O aparcadoiro permite a comunicación directa co procesador mediante catro amplos ascensores entre todas as plantas e as dúas operativas do procesador, sen necesidade de saír ao exterior. Neste edificio tamén se atopa integrada a bolsa de taxis e deseñouse de maneira que a súa cuberta (acabada cunha capa vexetal) se atope no nivel da planta de chegadas, permitindo a visión completa do contorno por parte dos pasaxeiros.

Compartir: