CULTURA

O "Réquiem" de Duruflé no Auditorio de Galicia

28/11/2007 Trátase dun dos concertos máis espectaculares da temporada, coa Real Filharmonía ao completo, o coro Collegium Compostellanum e as voces de Andreas Scheibner e Stephanie Houtzell, todo baixo a batuta de Maximino Zumalave. O xoves 29 de novembro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

O máis coñecido dos directores composteláns, Maximino Zumalave, dirixe á Real Filharmonía de Galicia acompañada do Collegium Compostellanum nun concerto temático referente ao espírito do mes de novembro e ao recordo dos que xa non están.

Trátase dun dos concertos máis espectaculares da temporada, coa Real Filharmonía ao completo, o coro Collegium Compostellanum e as voces de Andreas Scheibner e Stephanie Houtzell. As notas ao programa, escritas polo crítico musical Julio Andrade, levan por título "Paseata arredor da morte".

Coa presenza do barítono Andreas Scheibner e da soprano Stephanie Houtzell, dúas das mellores voces do panorama europeo de hoxe, o concerto inclúe a Cantata de Bach "Ich habe genug", a "Música dolorosa", de Vasks e o "Réquiem" de Duruflé, interpretado na súa versión máis solemne, para orquestra, coros, solistas e órgano. De feito, este concerto da Real Filharmonía porá sobre o escenario do Auditorio un total de 61 músicos, coa formación da orquestra ampliada coa presenza de alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais, ademais dos integrantes do coro.

Compartir: