TRANSPORTE E MEDIO AMBIENTE

O alcalde anima aos escolares composteláns a utilizar a bicicleta como medio de transporte

28/11/2007 Sogama, en colaboración co Concello de Santiago, pon en marcha unha campaña de concienciación e sensibilización escolar sobre a promoción do transporte limpo, especialmente do uso da bicicleta.

Os destinatarios desta campaña son os máis de 95.000 escolares de secundaria, que poderán participar no sorteo dun total de 40 bicicletas. Tamén poderán participar todos aqueles que se acheguen ás instalacións de Sogama e que formen parte do programa oficial de visitas establecido para o curso escolar 2007-2008. Os detalles desta iniciativa foron presentados no Instituto Arcebispo Xelmírez II, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e do presidente de Sogama, José Álvarez Díaz.

O rexedor compostelán salientou a importancia de que "a poboación máis nova, máis dinámica e sensible dende o punto de vista ecolóxico, vaia apostando pola bicicleta como medio de transporte e non só como instrumento deportivo e de ocio". O propio Sánchez Bugallo preguntoulle aos rapaces sobre a súa disposición e mesmo se comprometeu a intentar recuperar os seus hábitos coa bicicleta de montaña.

"Ti es a peza que falta, ¡ponte en marcha!" é a mensaxe coa que, a través de dípticos, carteis e anuncios promocionais, Sogama, o Concello e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible pretenden insistir e convencer á poboación sobre os beneficios económicos e ambientais que implica a utilización do transporte limpo, e máis concretamente a bicicleta. Compre lembrar que é un medio totalmente respectuoso co contorno natural (con cero emisións á atmosfera), saudable, accesible, tanto para os traslados por cidade coma por zonas rurais, e económico dende todos os puntos de vista.

As entidades que poñen en marcha a campaña apostan pola necesidade de recuperar este transporte tradicional e tomar como referencia o norte e centro de Europa, onde empregan a bicicleta durante todo o ano, a pesar da orografía ou as condicións meteorolóxicas. En Holanda, Suíza, Alemaña, algunhas zonas de Polonia e nos países escandinavos representa un dos principais medios de transporte. O mesmo ocorre en Asia, especialmente en China e a India.

Disto ten tomado boa nota o Concello de Santiago, que prepara a posta en marcha dun parque de bicicletas de aluguer que fomenten o uso deste medio. Ademais, a Concellería de Mobilidade ultima un plan para facer compatible a circulación de bicicletas e automóbiles, coa redución a unha velocidade máxima de 30 km/h nalgunhas vías da cidade, segundo anunciou Bugallo.

Obxectivo: reducir as emisións
Na información recollida nos distintos soportes didácticos desta campaña alúdese, entre outras cuestións, ao incremento, nos últimos anos, do transporte por estrada, pasando a representar o 90% dos nosos desprazamentos. As emisións de CO2 procedentes dos traslados por estrada acadaron a cuarta parte das totais, mentres que as orixinadas por outros modelos (transporte aéreo, marítimo e ferrocarril) tan só supuxeron o 3%.

En Galicia, segundo os últimos datos dispoñibles, dende a década dos noventa as emisións provocadas polo transporte víronse duplicadas. Este tipo de emisións inclúense dentro das denominadas "difusas", é dicir, as que non pertencen ás industrias, que veñen a supoñer o 67% das producidas na nosa comunidade fronte ao 33% que representan as primeiras. Dentro das difusas (agricultura, residuos, residencial, etc), o transporte é responsable do 48% das emisións contaminantes.

Ademais deste tipo de apuntes, Sogama proporciona consellos para contribuír, dende a responsabilidade compartida, a minimizar o impacto ambiental do transporte. Deste xeito alude ao fomento do transporte público, o uso do automóbil con varios ocupantes, a condución eficiente e a firme aposta polas novas tecnoloxías a través da adquisición dos denominados coches híbridos.

Premios como incentivo
Co obxectivo de incentivar a participación dos escolares nesta campaña, estes poderán recortar dos dípticos de boas prácticas un cupón de adhesión. Unha vez cumprimentado cos seus datos e remitido a Sogama, terán a oportunidade de participar no sorteo ante notario de 40 bicicletas. As bases do concursos, así coma o listado de premiados/as, faranse públicos na páxina web www.sogama.es.

De forma paralela, e dado o elevado volume de visitantes que esta entidade recibe nas súas instalacións, estes tamén poderán concursar no sorteo mensual dunha bicicleta.

Éxito da primeira edición
Esta é a segunda edición dun amplo programa de educación ambiental xestado no curso 2006-2007 baixo o título "Ti es a peza que falta. O futuro está nas nosas mans", e que foi difundido entre todos os colexios de primaria, comezando polo compostelán CEIP de Roxos. O seu obxectivo era dar a coñecer aos máis pequenos os problemas medioambientais que vivimos na actualidade e os riscos de futuro, dándolles traslado dun código de boas prácticas no uso prudente e racional dos recursos.

Dado o éxito da iniciativa (preto de 7.000 escolares remitiron a Sogama o seu compromiso co medio ambiente), a entidade decidiu darlle continuidade adaptándoa agora ao alumnado galego de ensino medio, formado por máis de 95.000 estudantes.

Compartir: