CONSORCIO

Un novo espazo público para a convivencia en San Salvador

27/11/2007 A alcaldesa de San Salvador (El Salvador), Elvia Violeta Menjívar, recibiu de mans do alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo, o Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana, dotado con 180.000 euros. O proxecto da praza San Esteban do centro histórico desta cidade centroamericana fora seleccionado entre un total de 24 proxectos presentados. Grazas ao galardón recuperarase un lugar simbólico para o seu uso público.

Na entrega do Premio, celebrada na sede do antigo Banco de España, a alcaldesa de San Salvador lembrou a "enorme satisfacción" que lle produciu a chamada do rexedor compostelán para comunicarlle o premio. Indicou que este proxecto supón un importante pulo ao proceso de recuperación do casco histórico de San Salvador que emprenderon na súa municipalidade unha vez superado o conflito armado. "As nosas prioridades son a limpeza e o medio ambiente, a prevención da violencia e o rescate dos espazos públicos e, dentro deles os do casco histórico".

Sobre a praza de San Esteban, apuntou que ten un "enorme significado histórico" en El Salvador. "Está situada preto da Praza Maior, símbolo da independencia en 1821, e preto das catro igrexas históricas do país", afirmou. Recordou tamén que no contorno deste espazo se farán "complexos habitacionais", co obxectivo final de "recuperar a vida desta parte do casco histórico". A previsión é que o proxecto poida estar rematado nun prazo aproximado dun ano, xa que, como dixo, "tamén hai que reconstruír o social".

Pola súa parte, Sánchez Bugallo expresou o "orgullo", que para o Consorcio supón colaborar con este proxecto "extraordinario". O alcalde lembrou os elementos comúns que unen a Galicia e a América Latina e, en particular, referiuse ao concepto de cidade, apostando por "un modelo que preserve o modo de vida, máis alá do físico".

Ademais dos alcaldes de San Salvador e de Santiago, participaron no acto de sinatura do convenio de colaboración e de entrega do premio o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; a directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta, Fabiola Sotelo; e o xefe da Unidade de Apoio da Dirección Xeral de Cooperación con Iberoamérica da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), Bernabé Aguilar.

Intervención integral
O proxecto de San Salvador responde a unha estratexia municipal de intervención no espazo público da praza de San Esteban, ubicada no centro histórico da cidade na confluencia de dous eixes urbanos. Esta actuación, proposta por etapas, inclúe as vías de acceso (peonís e de tráfico rodado), a inserción de mobiliario urbano, vexetación, pavimentos, modificado da área do atrio, áreas de xogo para nenos, espazos de contemplación baixo a sombra das árbores, construción de gradas e terrazas.

A súa execución contribuirá a posta en valor dun espazo público representativo, de gran valor simbólico para a os cidadáns de San Salvador. Un espazo no que se pretenden desenvolver actividades de carácter relixioso, cultural, social e comercial, contribuíndo deste xeito á mellora da convivencia cidadá.

Ademais da contribución económica do premio, interveñen na financiamento do proxecto as institucións municipais de San Salvador e a empresa privada. Así mesmo, a comunidade veciñal e a Igrexa colaborarán co Concello no mantemento e protección da praza.

Esta iniciativa foi seleccionada polo xurado entre 24 proxectos de doce países latinoamericanos, entre os que se atopaban seis cidades Patrimonio da Humanidade. Ademais do gañador, elixíronse outros seis proxectos como finalistas: catro de Ecuador, un de Brasil e outro de Cuba. Nesta primeira edición, o xurado tivo en conta a repercusión social do proxecto, a súa viabilidade, a relación entre o importe do premio e o orzamento do proxecto, o impacto no entorno, a idoneidade urbanística e a implicación de diferentes axentes sociais.

Sinatura no Libro de Honra
Antes de recibir o seu premio, Elvia Violeta Menjívar foi recibida por Xosé A. Sánchez Bugallo na Casa do Concello, co que mantivo un breve encontro. Ademais, asinou no Libro de Honra da Cidade.

Compartir: